Tiven sentidiño de non ir a Santiago o día do Apóstolo. Fíxenlles sitio a forasteiros e peregrinos. Irei en agosto e de paso, se me alcanzara, tomarei cos amigos un pulpiño. Cumprirei a miña peregrinación particular de vivencias. Unha a de asomarme ao Pórtico resucitado. Outra revivir as andanzas de Xelmírez, cando fuxiu dos Irmandiños do século XII.
O nome de Irmandiños é vello. É de cerna. No refectorio do pazo coroaron rei ao neno Afonso Raimúndez, fillo de dona Urraca. Non se portou ben Afonso VII co seu padriño Xelmírez, xa vello. Mesmo o rei andaba medio conchavado cos Irmandiños.
Unha nova revolta. A traizón era o estado natural da política. Cando o arcebispo vía a situación crítica andaba para Catoira. Nas torres do Oeste (Torres Honesti) atopaba un agocho de seguridade.
Amañou a fortaleza para que non lle pasara o que lle pasou a un bispo antecesor, que o mataron a espada, a traizón, abusando da hospitalidade. Vou cun libro na cabeza: A Historia Compostelá. O paseo da Ferradura é para min o couto dos poldros onde o pobo dos burgueses celebraban asembleas.
A igrexiña de Santa Susana no curuto, lémbrame o pío latrocinio. Xelmírez mangáralles aos de Braga as reliquias de San Fructuoso, San Cucufate, Santa Susana... xustificou a súa conduta revirando palabras.
Pío latrocinio. Inventou a postverdade con estilo románico. Compostela competía con Xerusalén e Roma. Papa e cardeais miraban de esguello a Xelmírez, pero os subornos (caridades) correxíanlles a vista.