Xosé Mª G. Villaverde: «É difícil para os pequenos traballar nun marco legal e nun mercado feito á medida doutros»
FERROL

Preside a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, con socios da comarca.
27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé María García Villaverde (Ferrol, 1975), licenciado en Ciencias Políticas e máster en cooperación internacional, montou hai uns anos una explotación agrogandeira ecolóxica en Naraío (San Sadurniño). E preside a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, con socios da comarca.
-¿Que problemas atopa a produción ecolóxica na comarca?
-Igual que na convencional, hai que distinguir entre a industrial e a artesanal, e aquí industrial non hai. O mercado non é moi grande, porque é unha zona castigada economicamente; e hai dificultade de acceso ás terras, pola presión urbanística e polos eucaliptos. Isto causa un bloqueo e fai moi difícil que unha explotación medre e poda producir máis. Os custes de produción, en xeral, para quen movemos pequenas cantidades, son moi altos (...). Estamos pendentes do centro de transformación de Moeche.
-E á hora de comercializar...
-A maioría son explotacións de produción diversificada, non se dedican só a unha cousa, e venden a tendas, restaurantes e particulares, canles diferenciadas para que unhas se compensen coas outras. Supón moito traballo e esforzo. Son as dificultades dos pequenos nun marco legal e nun mercado feito á medida doutros. É unha actividade de resistencia.
-¿Aparecen novos produtores?
-É un sector moi fráxil e moi volátil; hai xente que cambia de orientación produtiva e de estratexia de comercialización. Ás veces non se calcula a formación que se precisa para a produción agrogandeira nin os volumes que necesitas producir e a superficie precisa para poder producilos.