«A novela gráfica é unha literatura que está feita con palabras e con luz»

FERROL

JOSE PARDO

O seu novo libro, editado por Alita Cómics, sae á venda ao mesmo tempo en galego e castelán

14 oct 2021 . Actualizado a las 21:19 h.

Antonio Seijas (Ares, 1975) volve ao mundo da novela gráfica, ámbito no que xa brillou especialmente hai uns anos coa publicación de La luz. Regresa agora, e con forza, a ese formato no que se dan a man o cómic e a literatura. E vaino, facer, á vez, en galego e en castelán. Cun libro, A chaira, que na súa versión en castelán levará por título La llanaura. Artista plástico, escritor, comisario de exposicións e, ademais, fotógrafo, Seijas segue camiñando, con paso firme, polos máis diversos ámbitos da creación, na procura de novos camiños para o que, no fondo, é a súa maneira de existir: contar historias.

-¿Que é, en esencia, unha novela gráfica?

-Basicamente, a novela gráfica é unha literatura que está feita con palabras e con luz. E que, por suposto, está totalmente vencellada ao cómic.

-Vostede adaptou, no seu momento, a ese xénero, un texto de Agustín Fernández Paz, «Cartas de inverno». E agora vai facer o mesmo con outro dos grandes narradores galegos, con Xabier P. Docampo...

-Si, agora estou preparando unha novela gráfica inspirada no seu libro Cando petan na porta pola noite.

-Todo un clásico da literatura galega. E, moi probablemente, o mellor libro de Xabier.

-Un libro extraordinario. Xabier P. Docampo sempre me dicía que quería que levase ese libro á novela gráfica, e estou contento de poder facelo por fin. Docampo e Fernández Paz foron dous dos máis grandes autores das nosas letras, dous creadores excepcionais. Eran grandes narradores, as súas historias tiñan moita forza, e iso sempre facilita a traslación da súa obra á novela gráfica.

-¿Cal é o perfil medio do público da novela gráfica?

-Pois, en contra do que a miúdo se pensa, o lector de novela gráfica adoita ter unha certa idade, e ser xa un lector moi formado. Un lector esixente.

-¿E é un lector que abunda no mercado español... ou non?

-A verdade é que non tanto como nos gustaría. Hai países nos que o cómic e a banda deseñada teñen centos de miles de lectores. E non só para os clásicos, senón tamén para moitísimas novidades. Pero, evidemente, ese non é o noso caso. Aquí, coma en case todo, queda moito camiño por andar. Os lectores, en xeral, escasean, Cousa que creo que afecta a todo tipo de libros.

-¿Pensa que hoxe se lé menos que antes?

-Si, creo que si. Por desgraza, así é. Hoxe lese moito menos que antes, e sobre todo hai cada vez menos público para a literatura máis esixente, para a que require un esforzo por parte do lector. O divertimento fácil, contra o que non teño nada, está ocupando o lugar da produción cultural.

-¿En que ámbito da creación se sente máis cómodo?

-Pois a verdade é que eu me sinto cómodo en todos os ámbitos da creación. A arte é o meu xeito de camiñar pola vida. E sigo procurando avanzar.