Como non se nos terá ocorrido antes volver falar da Celulosa das Pontes? Agora que, día si e día non, os políticos e os sindicatos dos traballadores intentan buscar unha solución ao peche e final da térmica de Endesa, queremos repetir o que dixemos xa hai moitos anos os produtores forestais e as súas asociacións: sería necesaria e suficiente unha grande fábrica de celulosa nas Pontes, que se estendería ao papel e derivados, consumindo unha grande cantidade de biomasa para xeración de enerxía eléctrica, aproveitando as inmensas instalacións industriais existentes, que van ficar valeiras ou inoperantes. E con moito máis espazo próximo e inútil se fixese falta. Nas Pontes temos auga máis que suficiente, e sobre todo a proximidade de zonas de alta produción da máis rica materia prima do país, a madeira, no Norte de Coruña e Lugo, especialmente o eucalipto, do que sobra un excedente anual de máis de dous millóns de toneladas, sen contar o que se leva acumulado nos últimos anos. Se cortamos dez millóns de toneladas de madeira o último ano, o 30 % supón tres millóns de toneladas de biomasa só das cortas, quere dicir, cento vinte mil camións, a trescentos por día. Teriamos que mesturar esta biomasa con outro combustíbel, sexa gas ou lodos, ou o que se poda, menos o fósil. E entón, esa biomasa tería tamén un prezo para o produtor forestal, aínda que fose pouco e non causase alegría á concorrencia de Greenalia e outras empresas, que por certo, non pagan nada polas pacas no monte. Endesa, segundo a publicidade actual, -moi a tempo do cumio de clima de Madrid-, quere lavar a súa conciencia de ter sido moi contaminante, co impulso das enerxías renovábeis. Pois mira que ben, se ademais da eólica e solar, lle dá por transformar a fábrica das Pontes nunha grande consumidora de biomasa e produtora de pasta de papel, porque daquela cobraría primas de premio ecolóxico en vez de multas e taxas ou impostos por ceibar CO2 á atmosfera. Sería só fume, cuxo carbono fixarían as plantas. Se estamos ante un fin de ciclo logo de 70 anos funcionando, no caso das fábricas de Pontevedra, As Pontes e San Cibrao, é obvio que hai que transformalas. No caso das Pontes, esa fábrica de celulosa alimentada con biomasa forestal ou bio-enerxética producida en terreos máis pobres, tería os postos de traballo asegurados na zona, así como dos antigos transportistas do carbón, que poderían levar a biomasa e a madeira, cambiando as plataformas e con grúas. Con boas comunicacións por estrada a menos de 100 quilómetros. E todos contentos, con grande mellora medioambiental. Non correrá perigo esa fábrica de quedar debaixo das augas, como din que lle pasará á de Lourizán en 30 anos, nin sequera con tan grande lago cerca. Sempre se poderían construír diques como nos Países Baixos, en todo caso. Pode parecer isto inxenuo e propio dun de letras, mais non é ningunha parvada propoñer a Endesa, por agora a dona das instalacións, que con inversores privados ou institucionais, da Xunta, por exemplo, transforme todo aquilo, incluída cheminea e cubas, nunha grande fábrica que utilice enerxía renovábel e limpa, para producir celulosa e papel ou derivados, non plástico. Daría unha imaxe moi positiva. Así polo menos teriamos unha empresa en Galicia que consumise a materia prima de millares de produtores forestais galegos. E madeira hai para iso e máis. Dígolle-lo eu. Ramón Reimunde preside Promagal.