Pedro Rodríguez Paz: «Esta Semana Santa témola que saber vivir todos desde as nosas casas»

FERROL

Afirma estar convencido de que as procesións do ano que vén «brillarán máis que nunca»
10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Quen o di é Pedro Rodríguez Paz, o delegado episcopal para as confrarías penitenciais da Diocese de Mondoñedo-Ferrol: «Esta semana Santa témola que saber vivir todos desde as nosas propias casas». Afirma estar convencido de que «as procesións do ano que vén brillarán máis que nunca», e di ser moi consciente de que «a suspensión dos desfiles procesionais causoulle unha profunda dor a moitísima xente», pero ao mesmo tempo subliña que «en plena pandemia do coronavirus, todos temos que axudar no que poidamos» e que «nestas circunstancias, o mellor que se pode facer pola saúde pública é seguir o que nos indican as autoridades sanitarias, e manter o confinamento por moi duro que iso resulte a veces».
«Tamén para min esta Semana Santa está a ser algo moi estraño -di o delegado episcopal-, e tamén a min se me fai difícil ver celebrar a Eucaristía coas portas das igrexas pechadas. Pero temos que tomar conciencia de que estamos en estado de alarma, e de que a nosa obriga, polo ben de todos, é facer o que se nos pide».
«Moito esforzo perdido»
Recorda Pedro Rodríguez Paz que «as confrarías traballan durante todo o ano, e ademais traballan moito, moi duro. O seu labor non se reduce á Semana Santa, senón que vai moito máis alá. E é fácil entender a fonda tristeza que senten estes días todas as persoas que desenvolven o seu labor nese ámbito».
«O mundo das confrarías é moi importante en Ferrol e en Viveiro -di Pedro-. E tamén noutros lugares da nosa diocese -comenta-, como Ribadeo. Ou como Foz, Ortigueira ou o mesmo Mondoñedo. E para ninguén pode ser sinxelo vivir o que estamos a vivir estes días. Pero insisto: no ámbito doméstico tamén se pode celebrar firmemente a fe».
Rodríguez Paz, que ademais de delegado episcopal para as confrarías e arcipreste de Ferrol é párroco do Pilar, lembra que as procesións de Semana Santa son «unha manifestación popular da fe» que despois avanza, cara ao corazón da Igrexa, a través dos ritos eclesiais. E destaca o desconcerto que provoca en moitísimas persoas que «esta Semana Santa non haxa nada diso».
Tempo de sacerdocio
Despois de case medio século de sacerdocio, e reflexionando sobre o que se está a vivir esta Semana Santa, Pedro di que todos deberiamos facer canto estea na nosa man para sacar algunha ensinanza do que acontece. «Normalmente -apunta- tendemos a pensar que todo está baixo control, que a modernidade trouxo un dominio absoluto sobre case todo o que nos rodea, pero o coronavirus veunos lembrar que non é así, que temos que axudarnos uns aos outros».
Está moi afectado, Rodríguez Paz, pero non perde a esperanza. E afirma, convencido, que as procesións, no futuro, «seguirán sendo o que sempre foron».
