Antonio Seijas: «Nos meus libros vou contando unha historia da que aínda descoñezo o final»

FERROL

Antonio Seijas

Di que o Premio da Gala do Libro Galego reafirma a súa aposta por «un camiño moi persoal»

18 may 2020 . Actualizado a las 16:32 h.

Antonio Seijas (Ares, 1976) atravesa agora un dos momentos máis brillantes de toda a súa traxectoria creativa. Está abrindo novos camiños no cómic, na pintura, na fotografía, no deseño e na literatura. Pero a crise desatada polo coronavirus, que tan graves consecuencias está a ter en todos os ámbitos -tamén no da cultura-, obrigouno a pospoñer moitos dos seus proxectos, á espera de que cheguen momentos mellores. Aínda así, e lonxe de caer no desánimo, segue creando coa dedicación e o entusiasmo de sempre. Un entusiasmo e unha dedicación que veñen de ser recoñecidos co Premio da Gala do Libro Galego, concedido, no apartado de banda deseñada, ao seu cómic A Chaira. Unha obra especialmente ambiciosa na que dialogan abertamente tres das grandes vocacións de Seijas: a literatura, o debuxo e o deseño do propio libro como obra artística.

-Este novo galardón chégalle nun momento moi especial...

-Si que chega, si. Así é. O Premio da Gala do Libro Galego é para min unha inmensa alegría. E non só porque vén nunha etapa de incertidume na que todos estamos preocupados por un futuro que nin sequera sabemos como será, senón sobre todo porque vén reafirmar a miña aposta por un camiño moi persoal.

-«A Chaira», libro publicado pola editorial Alita, é unha proposta, se me permite dicilo así, moi arriscada. Un libro que está fóra de todas as convencións do cómic.

-É que eu creo que ese debe de ser o camiño a seguir. O meu camiño, como antes lle dicía. Eu penso que, como creador, teño a obriga de ir máis alá das convencións, para tratar de transcender co que fago. Eu quero vivir do meu traballo como creador e como artista, por suposto, pero non é facer algo comercial o que me interesa. Xamais estou pensando nas modas. O meu horizonte xamais está cerca.

-Nese territorio do inaprensible do que falaba Martín Chirino, que por certo citaba moito a Benet.

-Claro. E por iso me fai tanta ilusión este premio. Un premio que vén galardoar un traballo afastado do convencional e no que os verdadeiros protagonistas son o silenzo e a paisaxe. ¿E sabe que ocorre...?

-Dígame.

-Que a miúdo teño a impresión de que nos meus libros, en todos os meus libros, e en realidade en todo canto fun creando desde hai tantos anos, estou contando sempre o mesmo. Ou, por dicilo mellor, a mesma historia. Nos meus libros vou contando unha historia da que descoñezo o final.

-Quizais non teña final...

-Pode ser. Iso é máis que posible. Pero o que importa, para min, é seguir camiñando e seguir soñando.

-Dicía Faulkner que os soños deben ser sempre grandes, para non perdelos de vista xamais.

-Iso intento. E non sei a onde me vai levar o camiño que elixín, pero non me quero desviar del.

«Cada vez hai un público máis numeroso para as obras que non caen no convencional»

Afirma Antonio Seijas que, en contra do que puidera parecer, «cada vez hai un público máis numeroso para as obras que non caen no convencional». Na súa opinión, afirmar que, fóra das fronteiras do consabido, o público lector escasea, non deixa de ser un tópico máis.

-Sexa como sexa, o sector do libro tamén o está pasando mal...

-Así é. E probablemente aínda o pasará peor, porque todas as novidades editoriais previstas van ter que esperar aínda para ver a luz. Pero o que eu quero dicir é que a miña experiencia me demostra que se ti fas un traballo que procura ir máis aló do comercial, tamén te atopas cun público que está agardando precisamente por ese tipo de produto. Ese público existe. Non se pode crear sempre pensando no que demanda, ou se pensa que demanda, o mercado. A creación ten que mirar máis aló do consumo rápido. Un verdadeiro creador ten que estar habitado pola ansia de transcender. A arte nace para perdurar.

-Por certo, ¿abandonou definitivamente o deseño de álbumes de discos, que tanto o deu a coñecer fóra do país hai uns anos?

-¡Non, non, non...! Todo o contrario. É un campo no que sigo traballando moito. De feito, agora mesmo estou preparando un traballo para Noruega. Eu sigo traballando en todos os campos polos que pasei. Non abandonei ningún.

-¿E en cal se sente máis cómodo?

-Pois a verdade é que en todos. Porque non é unha cuestión de preferencias, senón de linguaxes. Hai unha linguaxe distinta en función do que queres contar en cada momento. E é a propia linguaxe a que determina se iso se vai converter en pintura, en fotografía, nun cómic ou nunha novela. O creador ten que saber escoitar.