Teillafranca del Bierzo» está nas estremas de todo. Hai polas rúas sinais de 30/hora. Tampouco se pode ir a máis. Como diaño puideron entrar as turbinas da Térmica? Ese é un dos misterios desta vila con aires aristocráticos que se quedou pasmada no tempo. O marqués fora Vicerrei de Nápoles e tiña cartos ou porque os tiña ou porque os apañou no vicerreinado. Unha filla quería ser monxa e escapou do castelo de Corullón onde o pai a tiña presa. Acubillárona as monxas de San Xosé e houbo preito. Ao final o pai cedeu e púxolle convento á filla: o da Anunciada. Un ciprés, plantado o día da fundación, da testemuña desta novela romántica de amores divinos. En Villafranca case nin se queixan deste vivir pasmados coma nun soño e ven caer as casas como se foran moas e dentes dos vellos. Os turistas visitan igrexas e fan excursións por Ancares. Tamén van as Médulas, as minas de ouro romanas, pero moitos regresan frustrados porque alí non viron nin cascos romanos nin escravos (Quo Vadis e Ben Hur teñen feito estragos) Cando centos de villafranquinos marchaban viñeron o músico i Cristobal Halffter e a piannista Mª Manuela Caro y Carvajal. Restauraron un cacho do castelo do marqués para vivir. Este é outro misterio sen resolver: Unha parella cosmopolita, un músico de fama mundial, vivindo en Villafranca, facendo música e cultivando viñas. Outro misterio é Antonio Pereira. Dende a ferraxaría a seus poemas e contos falan da vida con suave ironía. Case chega a retranca.