Xan Silvar: «A medida que se populariza a nosa costa hai más permisividade»

gala dacosta / b.c. FERROL

FERROL

CESAR TOIMIL

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural chama a atención sobre a acción humana na contorna

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos vimos asistindo á turistificación da comunidade, e Ferrolterra estase a ver afectada por esta potenciación do turismo. Dito modelo ten os seus defensores e detractores, pois é evidente que a promoción do Camiño Inglés está a reactivar a economía local, e cada vez son máis turistas nacionais e internacionais que veñen á Costa Ártabra atraídos polas condicións atmosféricas e a promesa de bos xantares.

Mais é inevitable preguntarse polas consecuencias que ten na contorna o modelo turístico e os espazos dos que se fan uso, porque moitos pertencen á Rede Natura 2000 e gozan dunha protección especial.

Xan Silvar, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, ten claro que é preciso tomar accións concretas.

-Considera que somos un perigo potencial para a contorna?

-Temos un problema, a zona non está preparada para un turismo masivo e as infraestruturas fóronse facendo daquela maneira, sen estudo. Isto leva a que haxa un problema de distintas ordes: por unha parte, de seguridade da xente (estaciónase en lugares fráxiles como bordos de cantís e dunas), e por outra que moitas especies endémicas poidan dar a impresión de ser abundantes pero non é así. Están en libros vermellos de catalogación internacional e moitas nin están cartografadas, polo que a administración non as pode manexar.

-Viu cambios significativos nos últimos anos?

-Vexo, si. Por exemplo unha invasión difícil de erradicar, aínda que hai outras, é a da herba da pampa. A dispersión en Galicia comezou na AP-9 nos primeiros anos da autopista porque era un muro vexetal útil para evitar problemas de luces, entre vías contrarias, pero é unha gramínea, e disemínase co vento, co cal se espalla moi facilmente.

-Quen ten a responsabilidade de protexer a ecoloxía de Ferrolterra?

-Coinciden varias administracións: a local, a autonómica, Costas… Hai rondas da policía local, pero non é suficiente e nas denominadas ‘praias salvaxes’, como Ponzos, Sartaña e Santa Comba, hai especies protexidas. Logo en Doniños, onde soe haber máis intervención, puxeron unha nova zona para caravanas pero a xente non fai caso.

-Que accións levan a cabo na Sociedade Galega de Historia Natural?

-Colaboramos coas autoridades para trasladarlles o que sabemos, participamos directamente en campañas de todo tipo: de divulgación, de voluntariado… Co caso da píllara das dunas hai xente que a título persoal está moi implicada.

-Increméntase o turismo de praia e deporte, isto supón un risco?

-Quen pense que esta clase de turismo está facendo ben na comarca está errado: estase optando pola permisividade, e a medida que se vai popularizando a zona e se fan comúns as ondas de calor imos ter que poñer as pilas. Non é un modelo a defender.

-Moitos quererían ter visto as perseidas o xoves á noite, por que hai tanta contaminación lumínica se somos unha comunidade definida como rural?

-Por desgraza, é un problema que se dá ata no rural e na periferia das cidades: atopar sitios exentos de luz artificial é complicado. Nos oitenta, o cometa Halley viuse dende As Pontes e a Capela, agora sería imposible avistalo.

-Que podemos facer os ferroláns a nivel individual para preservar a fauna e a flora?

Podemos facer moito, hai moita fauna e flora na praia, ademais da píllara, que por certo somos un bastión na zona norte de Galicia desta especie grazas á colaboración e á concienciación, hai moitas outras especies. Logo o tema dos cans é un problema serio: colocáronse carteis, está avisado de que non se permiten en tempada de baño, e ademais no caso da píllara e de convivencia e sanidade non é positivo. Son temas que suscitan polémica, pero eu mesmo teño unha cadela e temos camiños e pistas abondo para pasealos. Eu convidaría a xente a unirse a iniciativas da Sociedade Columba, do Club de Montaña, da nosa asociación, tamén, para coñecer ben a nosa zona e ser consciente do que temos. Cómpre dicir que as caravanas fan dano, aínda que non o pareza: son vivendas con persoas, con animais… Ao final se hai cinco caravanas nun aparcadoiro son cinco vivendas convivindo en lugares delicados.