Iván Montes, mestre e escritor: «Aos escolares interésalles moito a robótica, motívaos»
FERROL

Este docente do CPI de San Sadurniño publica o libro «Robótica en Educación Infantil y Primaria», que hoxe se presenta na Casa da Cultura, por iniciativa da librería Brétema
17 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Iván Montes (Narón, 46 anos), mestre de Educación Física no CPI de San Sadurniño desde o curso 2010-2011 (en excedencia ata setembro), chegou á robótica de casualidade, cando dúas compañeiras do club de ciencia do colexio lle pediron axuda para montar un robot. «Picoume a curiosidade», di. Sumouse ao club e acabou impartindo clase ao profesorado no plan de formación permanente da Consellería de Educación. «Non tiña idea de facer un libro, pero no confinamento, dando docencia por videoconferencia a profesores, estaba facendo unha lista de control de temas e dixen ‘se desenvolvo estes apartados, sae un libriño'», conta.
Este xoves, ás 18.15 horas, presenta na Casa da Cultura de San Sadurniño Robótica en Educación Infantil y Primaria, publicado pola editorial Marcombo. Sae en castelán para chegar tamén ao mercado latinoamericano. A librería Brétema organiza o acto, no que intervirán o autor, o alcalde e a xefa de estudos do CPI. «Libros de robótica hai bastantes, pero moi enfocados a un modelo de robot concreto. Este dá pautas xenéricas de como traballar a robótica na etapa de Infantil e Primaria a nivel de aspectos organizativos, metodolóxicos, para aprenderlles a programar aos nenos... Vale para sacarlle partido a calquera robot. O foco está posto nos docentes, pero hai aspectos que tamén lles poden ser útiles aos pais e ás nais interesados en que os seus fillos aprendan robótica», explica.
Da experiencia docente conclúe que esta materia «interésalles moito aos escolares, e motívaos». «Traballan con algo que se move, non só papel e pantalla, propóñolles retos, programalo para que funcione coma un coche de policía ou simule o comportamento dun robot aspirador...», sinala. Subliña que hai colexiais con dificultades coas matemáticas moi bos solucionando problemas na robótica. Tamén «destacan» as nenas, polo que pode axudar a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre elas.
Iván defende a aprendizaxe competencial, «traballar con problemas e obxectos, en grupo», fronte á metodoloxía tradicional baseada na memorización. «Non se pode seguir dando clase como ma deron a min, memorizando contidos coma un loro e sen ter idea do que estás falando. Unha cousa é saber e outra saber facer, e con actividades como a robótica os nenos saben, pero teñen que demostralo empiricamente, van ter que pelexar, razoar e solventar unha serie de problemas», remarca.