Unha mostra comisariada por Ramón Villares inclúe documentos históricos da política galega
FERROL
«O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia» chega a Ferrol cunha exhibición cronolóxica de momentos chave na historia recente da comunidade
21 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O 20 de outubro de 1981 constituíase o Parlamento de Galicia, fito co que se facía oficial o novo réxime autonómico tras a aprobación do Estatuto de Autonomía. Para conmemorar a data sinalada, a sede de Afundación en Ferrol inaugurou a exposición «O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia», que fai unha retrospectiva das catro décadas do principal órgano executivo do territorio. A exposición, que se inaugurou no Pazo do Hórreo o pasado ano, está comisariada polo catedrático de historia contemporánea, Ramón Villares, e conforma un percorrido cronolóxico polos momentos de maior relevancia deste órgano. Estivo en Lugo e en Ourense durante os primeiros meses do curso e agora, chega á sede de AFundación de Ferrol, onde o público poderá ver un total de 24 paneis informativos divididos en episodios chave como o Estatuto de 1936, a «alborada cívica» de 1980, o mandato de Fraga ou o tempo do bipartito.
A mostra inclúe documentos orixinais tan importantes para a historia galega como a Proposta de Consello de Galiza de 1943 redactada por Castelao, así como as máis recentes leis aprobadas polo executivo e paneis interactivos onde o visitante pode atopar a todos os integrantes dos grupos parlamentarios dende a primeira lexislatura ata a actual. Entre eles, encóntranse persoeiros da escena política galega e estatal como Laxe, Fraga, Touriño, Feijoo e Pontón. Estará aberta ao público ata o 26 de novembro, en horario de luns a sábados de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.