José Luis Cuba, micólogo: «No Ortegal hai cogomelos, malia a invasión de eucalipto»
FERROL

Este venres presenta no teatro de Ortigueira a guía «Cogomelos da comarca do Ortegal», editada pola Asociación Cultural Terras do Ortegal
17 nov 2022 . Actualizado a las 10:55 h.Quen lle dera a José Luis Cuba (Cazás-Vilalba, 1964), afincado en Ortigueira, unha guía como a que acaba de publicar cando empezou a saír ao monte! «Cos cogomelos non caben erros», comentaba hai uns anos, cando xa tiña feito o traballo que agora sae á luz, Cogomelos da comarca do Ortegal, unha obra editada pola Asociación Cultural Terras do Ortegal, que se presenta este venres, ás 19.30 horas, no Teatro da Beneficencia, cunha exposición didáctica de diferentes especies de setas.
—Que imos atopar nesta guía?
—É unha guía sinxela, que non leva microscopía, só os caracteres organolépticos... unhas cantas especies comestibles, velenosas e mortais, e unhas páxinas culinarias. Recolle unhas poucas das setas que hai na comarca de Ortegal, para todas faría falta unha súper guía. Son as máis representativas a nivel culinario e a nivel tóxico, porque hai que falar dos dous polos.
—Unha guía para iniciarse...
—Si, é para principiantes, escrita en galego e moi fácil de manexar, cunhas fotos sinxelas feitas cun móbil normaliño.
—Pensada para levar ao monte?
—Si, é cómoda. A guía e a canle de YouTube [Luis Cuba y la micología] fan un tándem perfecto para a divulgación.
—Tantas setas hai na comarca de Ortegal?
—Realmente estamos invadidos de eucaliptos, pero se subimos cara ao monte Caxado e buscamos algunha fraga... hai unha riqueza micolóxica. Onde hai eucalipto hai algunha cousa, pero son sempre as mesmas especies, é moi repetitivo e de pouco interese culinario.
—A guía incorpora un apartado de receitas. Son súas?
—Miñas e de compañeiros, un cociñeiro e outra persoa que ten dous blogues gastronómicos. Hai revoltos, salteados, carpaccios en cru, setas en guiso combinadas con carne...
—Dedícalle moito tempo...
—Si, xa é unha forma de vida, non podería vivir sen cogomelos arredor. Divírtome moito, encántame as charlas cos rapaces nos colexios, tamén fago saídas fóra, estiven nos Oscos [Asturias] e o ano que vén sairei máis da comunidade.