Rui Santalla, investigador contra o cancro: «En Galicia a ciencia ten calidade, pero non hai as condicións de Suíza»
FERROL
Obtivo unha bolsa Marie Curie para realizar o doutorado no país alpino
02 ene 2023 . Actualizado a las 13:09 h.Rui Santalla (Ferrol, 1997) decidiuse encamiñar cara a biomedicina no Bacharelato, cando estudaba no IES Sofía Casanova. Entón comezou un periplo por Europa que culmina co doutorado na Universidade de Lausana, en Suíza, onde xa leva dous cursos.
Primeiro marchou a Barcelona, onde se graduou en Ciencias Biomédicas. Foi durante a carreira cando descubriu o seu interese pola inmunoloxía e a bioloxía do cancro. «Quixen marchar de Erasmus e fun a Holanda. Alí conseguín misturar as áreas que máis me interesaban no meu traballo de final de grao, resultando en inmunoloxía do cancro. Traballei con xente moi boa e dixéronme que non volvese a España, que fóra tería máis oportunidades».
E, polo de agora, as oportunidades —que cómpre non confundir coa sorte ou o azar, pois tamén implican traballo— non deixaron de xurdir: bolseiro pola Fundación Agustí Pedro i Pons da Universidade de Barcelona, cursou un máster no Trinity College de Dublín. Despois de conseguir moi bos resultados, e cunha pandemia de por medio, obtivo unha prestixiosa bolsa Marie Curie para facer o doutorado, que o levou a Lausana: «Eu quería quedar por Europa adiante e Suíza gustábame pola calidade da ciencia. En Galicia ten calidade a ciencia, pero as condicións que teño en Suíza non existen aquí». Está en contacto con compañeiros de carreira, algúns galegos, que se dedican á investigación aínda que non exactamente ao que estudaron.
Á pregunta de se volverá a Ferrol, responde: «Xa viaxei e vivín no estranxeiro todo o que tiña que vivir. Gustaríame volver a casa, pero en Lausana pago o meu apartamento cun terzo do meu soldo e aforro, viaxo e fago estadías noutros países cos meus compañeiros. Son moi feliz».
«Na nosa comunidade estanse a facer proxectos moi bos»
Para investigar, e máis aínda un asunto como o cancro, o intercambio de coñecementos é esencial. O centro de investigación onde está Rui dende hai dous anos, o Agora Cancer Research Center, inscríbese nun consorcio de distintos países europeos.
«As bolsas Marie Curie fomentan a colaboración entre os laboratorios do continente. No meu traballamos nunha rede de investigación chamada Evomet, centrada na evolución da metástase dende todas as perspectivas», explica. El, en concreto, está especializado na metástase no cerebro.
Tormenta de ideas
«En todos os países traballamos a ciencia de maneira semellante, pero as capacidades económicas de Suíza non van ser as mesmas cás que temos aquí. Aínda así, eu sempre digo que en Galicia, cos recursos que temos, estanse a facer proxectos moi bos».
O método de traballo no seu centro de Lausana é a tormenta de ideas entre os membros do laboratorio, que se reúnen con asiduidade. Cadaquén ten a súa especialización, pero xúntanse para obter unha perspectiva global. Di que o máis habitual noutros lugares é «investigar de maneira reduccionista, centrándose en aspectos illados en lugar de formar un gran puzle».