«Gañamos por humildade, todos os veciños teñen o meu teléfono e traballamos de luns a domingo»

FERROL

Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume e secretario provincial do PSdeG, di que «se Ángel Mato di que quere concurrir nas listas das xerais, estará onde queira estar»
02 jun 2023 . Actualizado a las 22:39 h.Bernardo Fernández (Pontedeume, 1981) acaba de lograr o mellor resultado do PSOE na ría de Ferrol, con nove concelleiros nunha corporación de trece. Pero en calidade de secretario provincial do PSdeG, a euforia baixa como a escuma.
—Na noite do 28M quedou cunha sensación agridoce?
—Agridoce porque foi moi bo resultado en Pontedeume, pero había unha ola a nivel nacional que incidiu negativamente en moitos concellos da provincia. O Goberno de España non se merece este castigo polas medidas adoptadas como a subida do salario mínimo. O PP quixo relacionar a Pedro Sánchez con Bildu, e xerou un ambiente que non soubemos medir. Pero os compañeiros fixeron unha gran labor nunha pandemia. Con máis de 140 anos, o PSOE está acostumado a erguerse tras cada golpe como no 28M. Mantivemos un número similar de alcaldías e a presidencia da Deputación pese ao varapalo de perder Ferrol e Santiago.
—Isto é un aperitivo do que pasará nas eleccións xerais?
—Traballamos todos os días para poñer en valor ao noso partido e evitar que gañe o PP, ademais co resultado das municipais os populares non sumarían maioría absoluta con Vox. Tivemos un problema de comunicación ao non saber transmitir as medidas adoptadas.
—Hai alcaldes moi descontentos como o de Ares.
—Neste partido funciona a democracia interna e calquera compañeiro pode expresar a súa opinión, pero hai foros internos como comités e congresos.
—El di que non recibiu certas chamadas de felicitación, que hai distancia entre líderes e bases.
—Eu mandei mensaxes a todos os compañeiros, uns para dar ánimos e outros para felicitar.
—Que autocrítica fai vostede como secretario provincial?
—Non temos candidatura no 100 % dos concellos. En 2019, quedaron sete concellos sen candidatura socialista e en 2023 catro. Queremos que aconteza como en Vilarmaior onde entramos de novo na corporación.
—No caso da súa vitoria en Pontedeume cal foi o seu segredo?
—Que se viron os froitos do noso proxecto desde 2015. Dimos solucións a problemas históricos como crear máis de 300 prazas de aparcadoiro, a licitación das obras da ponte de pedra por 7,9 millóns de euros, a inversión millonaria en saneamento e abastecemento. Gañamos porque impera a cercanía e a humildade, todos os veciños teñen o meu teléfono. Traballamos moitas horas de luns a domingo.
—Que queda por facer na terceira maioría absoluta que inicia agora?
—Máis prazas de aparcadoiro, ampliar o polígono industrial de Vidreiro, seguir apostando por turismo onde cada ano os visitantes aumentan un 30 %...
—Hai un renacemento cultural?
—Hai actividades culturais cada fin de semana, cun nivel de asociacionismo moi amplo. Este venres hai Fashion Night, a presentación dun libro, unha exposición...
—Pontedeume dalle alegrías. Pero que doe máis: perder Ferrol ou os resultados de Narón tras unha campaña tan ambiciosa?
—Dá igual sacar malos resultados nunha cidade de 100.000 habitantes que nun pobo de 3.000. Todos os compañeiros deixáronse a pel. É como preguntar a que fillo queres máis, a todos por igual. Neste partido, houbo compañeiros que deron a vida pola democracia. Só pensamos en traballar para recuperar a confianza.
—Hai expectativas de que Ángel Mato se presente ás xerais?
—Os partidos consultan primeiro á militancia para ver que compañeiros queren concurrir, e despois a comisión executiva provincial leva a proposta á galega. Se unha persoa como Ángel Mato di que quere concurrir nas listas, pois esa persoa estará onde queira estar.
—A militancia pediu explicacións nalgún concello?
—Víñamos dos mellores resultados na historia, a baixada parece unha debacle pero mantemos número de alcaldías. A militancia é responsable e intelixente.
—Se falamos de pactos entre PSOE e BNG?
—A executiva nacional aposta por un pacto global co BNG, pero cada agrupación fará o que considere. É máis doado chegar a acordos cos ideoloxicamente afíns, pero sen alcaldías a toda costa.