
Manolo González recupera ao creador da primeira longametraxe documental galega
31 jul 2023 . Actualizado a las 23:48 h.Co flequillo negro disparado á dereita e os grandes ollos verdes, redondos como labirintos. Así debuxou Castelao ao seu amigo Antonio Rey Soto. Sacerdote, cineasta, poeta e gran seductor. Crónicas da época relataban que ante el «as damas sempre suspiraban tras dous abanicos». A súa figura recupérase no último libro do profesor e cineasta Manolo González: O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (Alvarellos Editora). Veciño de Valdoviño, profesor durante anos no ferrolán IES Concepción Arenal e creador do Chanfaina Lab de San Sadurniño, González volve a mergullarse nas orixes do cinema galego «cun gran e atractivo influencer, que entre 1922 e 1923 creou a primeira longametraxe documental sobre Galicia e Asturias».

Como o 90% do material dos pioneiros do mudo, o rodado en nitrato de celulosa acabou desaparecido cando non diretamente roído polos ratos nos faiados. Pero os que viron hai cen anos Un viaje a través de Galicia y Asturias, monumento de cinco horas, «dicían que a película era marabillosa, das máis bonitas feitas nunca sobre Galicia». Comezou a rodarse antes que a fundacional Nanuk, o esquimal de Robert J. Flaherty. «Nesa época aínda non existía a palabra documental pero a película de Rey Soto (Santa Cruz, Ourense 1879-Madrid 1966) sería hoxe unha masterpiece, onde aparecen Manuel Murguía saudando nun descapotable, Castelao debuxando, Wenceslao Fernández Flórez, os irmáns Camba...»

Manolo González, «moi agradecido a Alvarellos Editora e a Henrique Alvarellos, cos que presento este martes a obra na feira da Coruña ás 20.30 horas», seguiu os pasos do sacerdote cando cruzou o Atlántico. Un viaje a través de Galicia y Asturias proxectouse no seu día en Cuba, EEUU, México, Arxentina... E o investigador foi co seu diario persoal gardado no mosteiro de Poio para percorrer La Habana, Cienfuegos ata Camagüey, onde o cura foi protexido das acusacións de perversión «grazas ao apoio que lle prestou o bispo que máis tarde salvaría da morte a Fidel Castro».

Rey actuaba nas proxeccións como un benshi: «Era o que na sala explicaba as películas mudas en Xapón, o máis famoso foi o irmán de Akira Kurosawa que se fixo o harakiri coa chegada do sonoro». Quedaría autoexiliado en Cuba, marchou a Guatemala e regresou a Galicia en 1931. Alí retomaría a súa amistade especial coa marquesa de Atalaya, Ángela Santamarina: «Tan popular que apareceu 2.500 veces na prensa nos primeiros vinte anos do século XX, viaxou coa súa marquesa e xuntou 30.000 libros galegos do XVII ao XIX». Foron depositados no mosteiro de Poio e salvados por Castelao na Guerra Civil, o seu gran amigo e a quen casou con Virginia Pereira.
González, que xirará por 13 concellos co seu anterior libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, narra a Rey Soto ata o final: «Apostou polos sublevados na Guerra Civil pero era un cura ao que lle gustaba o tabaco, o chupito e a beleza feminina... cando morreu a marquesa, meteuse a monxe mercedario e coidou da súa biblioteca tan fastuosa como a do libro O nome da rosa».