Xaquín S. Pérez-Sindín, coautor dun estudo sobre a transición enerxética en zonas mineiras: «Aspiro a que se cree un centro de investigación nas Pontes»
FERROL

Pontés de 44 anos, doutor en Socioloxía, é profesor asistente na Universidade de Dinamarca
01 jul 2024 . Actualizado a las 16:59 h.Xaquín S. Pérez-Sindín, doutor en Socioloxía, é un dos membros do equipo multidisciplinar que desenvolveu un estudo sobre a transición enerxética nas zonas mineiras de España, a partir da opinión da cidadanía. Pontés de 44 anos, é profesor asistente na Universidade de Dinamarca, onde vive. O proxecto no que participa como integrante do Grupo de Estudos Territoriais da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña está liderado por Alexia Sanz, da Universidade de Zaragoza. O profesor da UDC Manuel Docampo coordinou o traballo de campo, unha enquisa entre dúas mil persoas.
Pérez-Sindín ocúpase da análise de datos desta iniciativa financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación, no que tamén están implicadas as universidades de León e Oviedo. As enquisas realizáronse en zonas mineiras «nas que o carbón tivo peso historicamente» e tamén noutras de entidade e ámbito similar sen este tipo de explotación, «para poder comparar». Segundo explica, «As Pontes é un caso illado, xa que o 45 % do carbón foi extraído aquí, pero nun período moito máis curto. En Asturias lévase facendo desde o século XIX, e aquí foi un bum nos 70, que durou vinte anos».
Un dos parámetros que se analizaron foi o nivel de apego da xente ao seu pobo: «Nas Pontes é significativamente máis alto que a media nacional, algo que concorda cun nivel económico (e de servizos) máis alto, non só polas pensións, senón tamén polos salarios da xente que está en activo, que están por riba da media». Aquí xorde a contradición «entre as perspectivas que a xente sente sobre o pobo, cunha espiral de pesimismo, e o seu nivel de satisfacción», expón.
O estudo revela que a perda de poboación nas zonas mineiras «foi máis pronunciada» que noutras áreas rurais. Nas Pontes «houbo moitas posibilidades de estudar na universidade (o nivel educativo é máis alto que a media) e iso fai que na segunda xeración xa non queiran ser soldadores e prefiran irse». A maiores, subliña, «aquí viviuse un bum demográfico, e agora hai un efecto bumerán; primeiro aumentou moito a poboación e agora retorna aos seus lugares de orixe [...], e iso xera unha percepción de declive». Nas Pontes, conclúe, «todo foi e é máis acentuado: o bum, o declive, os discursos, a nostalxia...».
Na enquisa pregúntase que facer no solo da central: un polígono industrial, derribar todo e renaturalizar ou conservar determinados elementos e darlle usos alternativos. «Están á par os que queren un polígono e os que din usos alternativos», sinala. El avoga por facer un esforzo e lograr a «multifuncionalidade»: «Aspiro a que se poida crear un centro de investigación, cedendo terreos á universidade, coma noutras zonas industriais de Europa».