A obra representarase o día 25 a cargo de Nova Galega de Danza
14 ago 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Durante cinco anos, ata 200 mulleres participaron na construción do dique da campá. Semellante obra magna da enxeñería vería a luz no 1879, impulsada por 1.200 obreiros entre os que estaban esas pioneiras. Nunha homenaxe á alma feminina do naval, o vindeiro día 25 representarase nese mesmo espacio a obra Dique: unha peza esencial da compañía Nova Galega de Danza, a cargo de Jaime Pablo Díaz, no que foi o maior dique seco do mundo.
Na rolda de prensa celebrada onte en Exponav para dar a coñecer esta peza, o director artístico de Nova Galega de Danza destacou as sensacións que deron lugar a este Dique: «Pareceume impresionante o que sucedeu durante o século XIX coa construción desta infraestructura e a historia que ten detrás co traballo e forza das 200 mulleres que axudaron na súa construción».
Á cita asistiu o alcalde, José Manuel Rey, quen destacou a importancia de «recuperar unha historia esquecida, de encher de vida e arte un lugar emblemático da nosa cidade». E celebrou esta «sentida homenaxe a todos os ferroláns que traballaron e traballan nos nosos estaleiros e na Armada, construíndo os barcos máis modernos do mundo (e en especial ás mulleres que participaron no dique da campá)». Ao seu lado estiveron a directora xeral de Promoción e Igualdade, María Quintiana; o axudante Maior do Arsenal de Ferrol, Miguel López; e o concelleiro de Marca Ferrol, Arán López.
O representante da Armada quixo incidir no colosal da obra: «Unha infraestrutura que é o lomo dunha catedral invertido, de case 30 metros de longo e 12 de profundidade... un escenario inmellorable». Ofrécese así unha experiencia única na mellor obra hidráulica do século XIX en España. As entradas reservaranse por oito euros en Ataquilla, con devolución dos cartos en caso de asistencia.