
Segundo o xurado, «Azul cobalto» é unha obra de temática «rompedora»
13 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O célebre escritor ferrolán de literatura infantil e xuvenil, Antonio Yáñez Casal, acaba de resultar ganador do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa súa obra Azul cobalto. Segundo o xurado convocado pola Deputación de Ourense, trátase dunha obra «moi orixinal e cunha temática rompedora, doada de ler, cunha linguaxe e un estilo moi coidados».
A peza literaria tamén aporta «valores como o traballo en equipo, a perseveranza e a importancia da lectura para entender as cousas». O autor ferrolán presentou este traballo baixo o o pseudónimo Maceteum, e xa foi ganador da XIV edición deste Premio de Narración Pura e Dora Vázquez no ano 2016 con Do meu nome e outras trapalladas. A partir deste momento, actívase o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración no que o futuro artista premiado acompañará cos seus traballos ao texto de Yáñez Casal.
O galardón está dotado con 3.000 euros para cada modalidade (narración e ilustración), «recuperándose así o importe inicial deste certame». Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol en 1959, e entre outros premios gañou o Barco de Vapor de 2013 con O detective de Nullarbor ou o premio Raíña Lupa no 2007 coa obra Viaxe a Libunca, entre outros.