Os anos 80 chegan a Canido co novo e agardado libro de Fernando F. Rego

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Fernando F. Rego co seu novo libro
Fernando F. Rego co seu novo libro Marisa Moreda

Preséntase o día 24 «Anos 80, Movida, Atlantismo, Vangardismo e Underground»

17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mitificada como ningunha, sempre en neón e sempre fascinante, a década dos 80 en Galicia amósase dun xeito inigualable no último libro de Fernando F. Rego. Anos 80, Movida, Atlantismo, Vangardismo e Underground, lanzado da man de Editorial Galaxia, está nas librarías e anda presentándose nas catro provincias. E como o seu autor é ferrolán, ademais de gran investigador musical, o domingo 24 de novembro tamén terá unha festa de lanzamento no barrio de Canido.

 

A cita será no centro cívico ás 13.00 horas, cun xantar popular e unha foliada. Fernando Fernández Rego, mestre de profesión e químico de formación, fixo máis de 200 entrevistas para crear esta obra que conta con fotografías de autores xa clásicos como Xoán Piñón e Xulio Correa. Neste apaixonante mergullo polo túnel do tempo, «aparecen multivendas como Siniestro Total, o audiovisual de Xavier Villaverde, fanzines como El Patito Feo en Ferrol que falaba das torturas de Fernando Miramontes». E todo nuns anos de «reconversión do sector naval co impacto psicolóxico do fin de Astano e cunha visión crítica da Movida».

O libro tamén amosa que había moita vida cultural máis alá de Vigo (con Siniestro Total, Golpes Bajos e Aerolíneas Federales) ou A Coruña (Radio Océano). Porque Ferrol tamén tivo a Los Limones ou Los Bonitos del Norte de gran pegada emocional.