A Poesía Salvaxe toma de novo os mercados, bares e prazas de Ferrol: «Artesáns da resistencia»

FERROL

Celébrase desde hoxe e ata o sábado, cunha vintena de poetas e mesmo unha travesía pola ría
24 abr 2025 . Actualizado a las 18:59 h.No retorno da palabra encarnada, regresa estes días a Semana da Poesía Salvaxe a Ferrol. Na súa edición número dezasete, unha vintena de poetas toman os mercados, bares e prazas da cidade naval. Celébrase desde hoxe ata o domingo, e terá a súa tradicional travesía pola ría o sábado ás 18.00 horas con «Mareando versos».
Como indican desde a organización, co poeta Karlotti ao fronte, «a poesía tomará as rúas da cidade dobrada e desdobrará as súas esquinas, recunchos e prazas, facendo dos poetas artesáns da resistencia e da risa, do agarimo de rir, da tradución do silencio do mundo».
Por aquí pasarán Miren Agur Meabe, Silvia Abad, Anxo Angueira, Helga Méndez, Eugenia Sanmartín, Manolo Bacalhao, Suso Eiroa ou Comando Voltaire, entre outros. Xa este xoves houbo actuacións en espazos como o Ateneo Ferrolán; o venres serán ás 12.00 no mercado de Recimil, ás 19.30 no Torrente Ballester e ás 23.30 no Café Manchita. E o sábado, os poetas estarán ás 12.30 no centro cívico de Canido, ás 18.00 na travesía pola ría e ás 19.30 en Cuerda Floja.