A Capela, tal como era hai 76 anos, no 1948

A. C. A CAPELA / LA VOZ

A CAPELA

Escena da recepción das autoridades, co crego e o alcalde, para inaugurar a chegada da luz ao Pazo
Escena da recepción das autoridades, co crego e o alcalde, para inaugurar a chegada da luz ao Pazo CESAR TOIMIL

O Museo Etnográfico recreou a vida na taberna, na escola ou na fraga, e mesmo a chegada da luz eléctrica

16 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os privilexiados que presenciaron a ambiciosa peza teatral de onte no Pazo viron de cerca como era a vida hai 76 anos na taberna, na escola, nos camiños, na fraga, na fontiña, na casa ou no adro de A Capela. E mesmo a inauguración da chegada a luz ao Pazo..

O Museo Etnográfico recreou o ambiente na aldea no ano 1948, do que moitos se recordan. A función comezou co taberneiro, Basilio, cortándolle o pelo ao alcalde, Remigio. «Dá que falar que se arme tanta festa porque chege a luz ao Pazo, e pola contra, non se botara nin un foguete cando se montou o transformador nas Neves ou en Sande...», dicía un.

Noutra escena sorprenden a un home arrincando un marco no monte. «O demo o confunda... pero que fai ese insconciente?», exclamaba outro. Máis adiante, na Fraga, unha muller carga cunha cesta: «Voulle levar o xantar aos homes que nos están torando madeira nas Conghostras».

Na estación oitava atópanse, na encrucillada, Xacobe, un mozo que vén de pescar, e Marica, unha moza costureira, e a cousa vai de namoramento: «Eu estanco á túa beira / nunca che estou apurado / Porque ti es quen me tes / o meu corazón roubado». E logo no adro, conversan o crego, Baldomero, e o alcalde, Remigio, que máis tarde estará nervoso agardando a chegada das autoridades para inaugurar a luz.