Valdoviño autoriza concertos en locais a véspera de San Xoán
20 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Xa só quedan tres días para a noite máis meiga do ano, polo menos no concello de As Pontes, onde haberá propostas de lecer para todos o domingo, a partir das sete e media da tarde, na zona de Canle IV. Teatro de proximidade, obradoiros de globoflexia e de caracterización, e o espectáculo de rúa participativo Meigas de aquí e de acolá son algunhas das actividades previstas. Tamén haberá música, baile, xogos e humor. E ás dez arrincará a verbena, coa orquestra América de Vigo, que pechará a Noite Meiga logo do acendido da fogueira. Tampouco faltará a comida, cun encontro popular ás oito e media, cun menú de sardiñas e outro de touciño e chourizo, ambos cun custe de seis euros por persoa.
Este ano, As Somozas celebrará a súa noite meiga o domingo a partir das oito da tarde, na área recreativa do Carballo. O Concello programa animación infantil e unha sardiñada popular. Haberá música co grupo BlackJack e The Fabulous Frank Fairlane Dj. A noite do sábado, a asociación de veciños festexará o San Xoán na parroquia de Seixas, con apoio do Concello. Terán cea por 17 euros (22 para os non socios e 10 para os nenos) e fogueira.
En Valdoviño, os establecementos de hostalería poderán celebrar concertos ou sesións de música en vivo a noite do 23 de xuño, véspera de San Xoán. O Concello autoriza este tipo de eventos, a petición de varios locais. Os negocios que desexen secundar esta iniciativa deberán comunicalo no rexistro xeral do consistorio ou a través da sede electrónica antes do sábado, día 22. Recorda, ademais, que «deberán respectar os niveis acústicos establecidos na normativa e non superar as 2.00 horas».