Xeoparque do Cabo Ortegal: dez propostas

Xosé María Torres VICEPTE. TERRAS DO ORTEGAL

CARIÑO

16 jun 2023 . Actualizado a las 15:43 h.

Opasado 24 de maio a 42.ª Conferencia Xeral da Unesco aprobou en París a

candidatura de Cabo Ortegal como novo xeoparque mundial, un fito para os sete concellos do territorio: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. Desde 2015, en que asistín a varias charlas da Asociación de Amigos do parque xeolóxico de Cabo Ortegal, a proposta pareceume unha oportunidade de ouro para a nosa zona. Conseguido xa o obxectivo, como membro dunha entidade que ten apoiado a iniciativa e animado o debate público, creo de interese debater varios puntos:

1. Planificación. Que obxectivos se plantexan, que actividades para logralos, con que equipo, que difusión na sociedade, con que colaboracións? Cómpre, urxente, un Plan Estratéxico. 2. Emprazamento. Onde situar o órgano de xestión e o centro de interpretación? Eu proporía Cariño; alí radica o propio cabo Ortegal, que dá nome ao xeoparque, e sería o recoñecemento a unha longa traxectoria no tema. Xa en 2007 —cando non existían os xeoparques da Unesco— celebrábanse nese concello, co alcalde José Luis Armada, xornadas sobre A xeoloxía de Cabo Ortegal, cuxas actas foron publicadas en 2010 como guía de campo da Geología del Complejo de Cabo Ortegal. Emprazamentos alternativos serían Cedeira, con lugares xeolóxicos únicos, e incluso Cerdido, centro xeográfico e nó de comunicacións do territorio.

3. Sinalización. De rutas e lugares (sen revelar todo, para evitar vandalismos), garantindo a seguridade, e evitando casos como o do masificado banco máis bonito do mundo en Loiba (Ortigueira), carente de medidas de seguridade nunha zona de acantilados. 4. Ampliación. A Unesco permite ampliacións de ata un 10 %. Dado que o xeoparque ten 800 qm2 (631 terrestres e 169 marítimos), Mañón, con 82 qm2 terrestres, suporía o 10,3%. Pero... sería oportuno? Creo que faría ver que a candidatura estaba mal concibida. Tal vez debamos agardar ata a primeira revalidación, en 2027. Dito isto, nada impide conveniar actividades neste concello que conta con sitios singulares como Estaca de Bares.

5. Transparencia e rendición de contas. Faltan datos, estatutos, informes e rendición de contas dos gastos na web do xeoparque. Un bo exemplo de gobernanza e transparencia podería ser o xeoparque de Villuercas-Ibores-Jara, en Cáceres.

6. Persoal. Debe seleccionarse un equipo xestor e científico propio, en convocatoria aberta, transparente e competitiva. 7. Comité Científico. Unha carencia inexplicable, máis aínda cando o propio xeoparque ten difundido nomes de varios membros, algo impropio nun órgano non constituído. A súa misión supervisora evitaría patinazos, como a difusión nos medios, en abril, do suposto «primeiro» avistamento de fósiles de crinoideos... xa descubertos na mesma zona polo científico holandés Van der Meer en 1975, hai 48 anos (!!). Prudencia, que dicía Baltasar Gracián. Os achádegos, en revistas científicas e revisión inter pares. E xa acreditados, posterior difusión nos grandes medios.

8. Universidades e centros de investigacións. Resulta estraño que en cinco anos de proxecto non se establecera ningún convenio con estas institucións, cando a investigación (en 50 anos, 25 teses de doutoramento!) foi a base para ter hoxe un xeoparque. Que problemas hai?

9. Integración. Sorprende a exclusión, na asociación promotora, de entidades como Seitura22, dedicada ao desenvolvemento rural e que agrupa a 22 concellos do norte coruñés, incluíndo aos sete do xeoparque, mentres que noutros xeoparques —como o das Montañas do Courel— o GDR foi o núcleo impulsor da candidatura. Ou da asociación de empresarios de Ferrol-Eume-Ortegal, de Hostalería do Ortegal e entidades similares.

10. Participación. En canto á figura de «entidade amiga do Xeoparque», agardamos que sexa un medio real e non cosmético de participación da cidadanía da zona.