Cedeira revive os tempos da rapeta

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

CEDIDA

Os escolares viviron fascinados a xornada coa que o museo do mar quixo divulgar esta arte de pesca, de autoconsumo e sempre furtiva, pero parte do patrimonio local

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«¡Como non me vou acordar! Pasei parte da vida aquí, de rapaz; tiñamos unha finca ao pé das fábricas e viña con miña nai plantar, mandábame á praia e se había alguén rapetando volvía para a casa cuns peóns e uns xureliños. Eu crieime na praia», conta Vicente Rey Vilarelle, enfundado nunhas botas de auga. Este mecánico é un dos responsables da creación do Museo Mares de Cedeira, de onde partiu a iniciativa de revivir os tempos da rapeta na praia da Magdalena.

Moi cerca del andan Eduardo González Villarnovo, Eduardo do Mimo, que vai de patrón da chalana; e José Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, encargado de coordinar a faena co corno na man. «Antes había dúas versións de corno, o que levaban as mulleres polas aldeas para avisar de que chegaban co peixe e o das lanchas, para cando había néboa. ‘Tócalle o corno que vai para nordeste’», relata Rey Vilarelle. De neno, escapaba das fanecas bravas, igual que Xosé Cheda, que hoxe veu á praia a fotografar: «Acórdome, os escorpións eran o problema, picábanche fácil».

Hoxe (o luns) a praia está ateigada de rapaces, case todos os alumnos do CEIP Nicolás do Río e os maiores do IES Punta Candieira. «Antes fomos aos centros e falámoslles das artes de pesca e da rapeta, facendo fincapé no medio ambiente, para que tomen conciencia e para achegar aos pequenos o interese polo mundo do mar», explica Arribe. Ata os entrevistaron en Onda Discalza, a emisora da biblioteca do IES.

O luns, no areal, cos pés na auga, algún pequeno comentaba con fachenda que o seu avó fora pescador ou a súa avoa redeira. As dunas enchéronse de mochilas e os colexiais viviron con expectación a faena, co Jaixa de chalaneiro, e Pancholo, outro mariñeiro, xa retirado, emocionado. Tampouco faltou Manolo de Severo, outro histórico rapeteiro.

Por unha pesca sostible

«Tamén ían as mulleres», recorda Arribe, que aproveita para lanzar unha mensaxe pola igualdade de xénero e pola pesca sostible, e agradece a colaboración da Cruz Vermella do Mar; Inspección Pesqueira; a Dirección Xeral de Pesca (Consellería do Mar), que autorizou esta xornada «excepcional»; o colexio e o instituto e as bibliotecas escolares de ambos centros; e «ao pobo de Cedeira, que arroupou ao museo para poder facer isto». Tratouse dunha actividade divulgativa desenrolada coa confraría e o Concello, a través do Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) A Mariña-Ortegal. Esta vez, unha arte de autoconsumo -«íase rapetar para a casa ou para unha farrada», apunta Arribe- e de sempre furtiva acadou outro rango, o que lle dá a historia, un elemento singular do patrimonio do mar de Cedeira, que o museo se empeña en recuperar.

Aquel espírito revivírono os maiores e descubrírono os máis novos, abraiados cando viron que o aparello arrastraba varias douradas de tres quilos e medio e vinte centolas pequeniñas. «Pero si cuando vamos a bañarnos no vemos nada», exclamaban, estrañados. «¿Por qué se llama dorada y es color plata?», preguntaban outros. Toda a xente que se congregou na praia da Magdalena, entre estudantes, docentes, mariñeiros de sempre e curiosos (a maioría co móbil á man para gravar), sorprendeuse do extraordinario botín que capturou a rapeta. Todas as pezas, peixes e mariscos, adultos e alevíns, volveron ao mar para seguir medrando. E todos aprenderon unha lección de historia e tamén de vida.