A ribeira do río Condomiñas, en Cedeira, volve ser transitable

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

De esquerda a dereita, José Manuel Breijo, de Portal Norte; José Antonio García, de Muebles García; e Camilo Casal, presidente de Arce
De esquerda a dereita, José Manuel Breijo, de Portal Norte; José Antonio García, de Muebles García; e Camilo Casal, presidente de Arce CESAR TOIMIL

Arce, que leva anos traballando na recuperación das marxes da canle, alíase agora con Portal Norte, que fará o mantemento

14 dic 2024 . Actualizado a las 20:49 h.

En marzo de 2017 constituíuse a Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (Arce), co propósito de «conservar e recuperar o patrimonio fluvial, controlar recheos, vertidos e outras agresións a estes ecosistemas». Neste tempo leva traballado moito, co apoio económico do Concello, do que nun principio formaba parte o actual presidente, Camilo Casal, concelleiro de Medio Ambiente ata 2019. Boa parte do esforzo deste colectivo centrouse na ribeira do río Condomiñas, que hoxe volve ser transitable ao longo duns catro quilómetros, máis ou menos a metade por cada marxe.

«Antes non podías circular», corrobora Casal, e agora permite gozar do entorno fluvial ata a ponte de Magoira (na parroquia de Cervo). Unha das últimas actuacións foi a instalación dun pontigo de madeira, fabricado pola firma local Muebles García, cerca do punto limpo. As dificultades de manter en bo estado esta senda, «pola que vai andar moita xente, sobre todo de maio a setembro», levaron a Arce a establecer unha alianza coa empresa cedeirense de turismo activo Portal Norte, de José Manuel Breijo.

«Aparte de ser guía de montaña, ocúpome de manter camiños e sinalizalos. O acordo con Arce é para facer o mantemento anual do tramo que está aberto, para que vaias cando vaias o atopes a senda fluvial transitable», explica. Deste xeito, sostén, «dáselle visibilidade e é o primeiro paso para que veña xente fóra dos tres meses de verán».

Casal, que agradece a colaboración de Portal Norte, quere seguir abrindo camiño ata o muíño de Chímparra, tres quilómetros máis. Aparte de habilitar as beiras, Arce leva sacado toneladas de lixo do río con moitas horas de voluntariado.