Miguel Lamas: «Escapei do fume e fun vivir a unha zona verde máis tranquila»

M. M. CARBALLO / LA VOZ

FENE

ECOVOZ 2022 | O batería estará no festival O Son do Camiño e tamén acompañando a Dani Martín no seu concerto da Coruña

16 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estará no festival O Son do Camiño e tamén acompañando a Dani Martín no seu concerto da Coruña. O batería fenés Miguel Lamas tamén xira por todo o mundo coas súas masterclass. O medioambiental, di, «é unha materia pendente».

—O primeiro sempre é recoñecer que un pode mellorar.

—Pois si, porque non son especialmente coidadoso, teño que recoñecelo. Si que trato de reciclar e depositar cada cousa no seu sitio, pero teño que mellorar. O que si me pasou é que, despois de vivir tantos anos fóra —en Madrid—, apetecíame afastarme do centro, da contaminación e dos coches.

—E que decisión tomou?

—Escapei e fun vivir a unha zona verde na que estou moito máis tranquilo. Por aquí teño un bosque para ir pasear e para desconectar. Eu son de Fene, da zona do rural, así que imaxina a morriña. Precisaba volver a esa orixe e escapar do fume.

—E no tocante á mobilidade, en Madrid é posible que un se desprace sen coller o coche?

—É moito máis doado. Aquí tes metro ou o metro lixeiro ata onde estou eu. É unha forma de contribuír para deixar o coche e non contaminar. No meu caso, agora vou pouco á zona centro. No entorno no que me movo, á hora de facer recados, gústame ir á pe e respirar aire fresco.