
O xoves actúan Fillas de Cassandra, o venres Ataque Escampe e Familia Caamagno
18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha ampla programación cultural de balde, o Concello de Fene continúa celebrando durante esta semana o ciclo Xullo, Mes da Patria. Organizado pola Concellería de Cultura, xira ao redor da conmemoración do 25 de xullo como Día da Patria Galega. Xa este xoves celebrarase ás 21.00 horas o concerto de Trikitriki e Fillas de Cassandra, na Praza do Alcalde Ramón José Souto González.
Outra cita moi agardada terá lugar ao día seguinte, o venres 21 de xullo co concerto a cargo de Ataque Escampe e Familia Caamagno. Será tamén ás 21.00 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Xa o sábado día 22 a exconcelleira e exdeputada provincial Ana Santiago, volcada no movemento asociativo coa presidencia da asociación veciñal de Limodre, encargarase da declaración institucional polo Día da Patria ás 13.00 horas. Será no Parque Lineal do Río Cádavo.
E por último, tamén o mesmo sábado pero ás 21.00 horas, actuarán Airiños de Fene e a Banda de Gaitas de Ortigueira. Este último concerto do ciclo Xullo, Mes da Patria organizarase na Praza do Alcalde Ramón José Souto González.
A Concellería de Cultura de Fene desenvolveu así unha programación cos nomes máis punteiros da música galega, e cimentada en actuacións de balde.