
O mural de Fene premiado polo portal Street Art Cities é unha marabilla como proposta artística, pois soubo ver nunha secuencia de xanelas de patio de edificio o traste dun violín, completándoo co resto do instrumento e coa persoa que o interpreta. Non é o único mural fermoso de Galicia, pero demostra como se pode disimular coa arte unha aberración urbanística.
O problema é que en Galicia cóntanse por miles as aberracións, moitas veces provocadas polos propios plans de desorde urbanístico, que permiten siluetas urbanas faltas de sentido, e nese senso levan moitos anos traballando en Carballo, unha das cidades máis caóticas no desenvolvemento urbanístico no século XX. Tamén hai experiencias en Ordes, a través do programa Desordes Creativas, e ultimamente en Rianxo co programa Viladomar, levado a cabo pola asociación cultural Ondiñas Mainas, con axudas das Administracións todos eles. Xa hai quen di que algunhas das propostas son como maquillar a mortos, xa que o problema urbanístico persiste, e o único que se fai é velo engalanado por unha representación artística.
Pero, como dixen antes, son miles as medianeiras que hai á vista, levamos cincuenta anos destruíndo as siluetas tradicionais con modelos urbanísticos de curto alcance e pouca pretensión ordenadora. Como propostas artísticas están ben, e aínda poden ser un atractivo turístico, pero aínda non lle buscamos solución á desfeita que temos no país, froito de tanto «ti vai facendo». Ou promovemos propostas máis científicas ou seguimos maquillando mortos e atraendo turistas a ver como desfixemos a herdanza.