Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O ferrolán non come trapallada, gústanlle as cousas ben feitas»

FERROL CIUDAD

A cervexaría Ábaco ofrece dende hai tres anos unha exitosa mistura de cociña tradicional e moderna; o segredo, apuntan, dedicación e produtos de primeira

25 ago 2009 . Actualizado a las 12:18 h.

Un domingo de Ramos de hai tres anos abría as súas portas a cervexaría Ábaco, en pleno barrio de A Magdalena. Quince horas diarias seis días á semana consolidaron con rapidez un local que serve almorzos pola mañá, menús ao mediodía e ceas e copas pola noite. Os seus artífices, un matrimonio veterano na hostalería composto por Antonio Carro López (O Val, 1959) e Isolina Veiga Díaz (Lago, 1962). Pero é ela a voz da súa cociña.

-Sexa sincera: ¿Quen leva os pantalóns do negocio?

-(Entre risos) As cousas gordas trátaas el: a decoración, os electrodomésticos... Pero o menú e a cociña son cousa miña. Pero na casa cociñamos os dous.

-¿Pero quedan gañas de pórse aos fogóns despois dunha xornada tan longa?

-Si, claro que quedan. Pero os domingos pechamos e adoitamos comer por aí.

-¿E onde van?

-Gústame comer e beber ben, así que imos onde haxa calidade e bo produto, que algún hai pola zona.

-¿En que se fixan, por deformación profesional?

-Limpeza, servizo e na calidade da comida.

-¿Como son os ferroláns á mesa?

-Unha marabilla. É unha pasada a cantidade de xente que pasa por aquí, de Ferrol e de fóra. Comen de todo, non trapallada: gústanlles as cousas ben presentadas e amañadas.

-¿Hai cultura do viño aquí?

-Se tés viño bo, a xente bébeo e o demanda. Pero depende moito do local e do que ofreza o taberneiro. Hainos que teñen facilidade para vender todo: o bo e o malo. Aquí tiramos do de calidade para arriba.

-¿Cociña tradicional ou de deseño?

-Quédome coa tradicional e coa de deseño mixta. (Aquí Antonio non pode evitar apuntar: «Non, o pitiminí non, o tradicional ben feito»).

-Unha boa cociñeira ¿nace ou faise?

-A cociña tenche que gustar, pero aprende calquera. Se se está acostumado a cociñar para unha familia, xa se serve para esto, non fai falla que sexa de escola. Pero precisa moita dedicación.

-¿Prato preferido?

-A pluma ibérica. É un prato de recortes dos lombos ibéricos, unha carne moi xugosa. Con iso, polbo con grelos e un bo viño do Bierzo quedo como unha raíña.

-E para aprovisionarse... ¿mercado local ou foráneo?

-Un pouco de todo. A carne e o peixe, na praza. Os ibéricos, de fóra, claro.

-¿Un segredo para que sempre estea cheo?

-A mellor publicidade é o boca a boca. Pero servimos cousas un pouco distintas que non as hai en moitos sitios: tostas, ensaladas de codorniz, con xamón... A música é básica. Hai xente que vén tomar café só por escoitala. E os pinchos, iso é básico. Aqueles sitios onde só poñen cacahuetes... pouca xente teñen.