Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Jorge Suárez: «Nos orzamentos non podemos desbotar acordos puntuais para engadidos do PP»

FERROL CIUDAD

César Toimil

O rexedor ferrolán confía «ao cen por cen» en ter este ano as súas primeiras contas municipais

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (Vigo, 1975), afronta o 2018 como un ano determinante para o seu goberno, con sete edís de vinte e cinco. Recoñece erros, apunta acertos e sabe da necesidade dos seus primeiros orzamentos.

-¿Tres retos do grupo de goberno para este 2018?

-Primeiro, aprobar os orzamentos, que pretendemos levar neste mesmo mes. O segundo, vinculado a urbanismo, temas pendentes como a praza de Armas ou resolver o tema con Defensa, fundamentais para humanizar a cidade, vinculados tamén á peonalización do centro. O urbanismo debe ser un dos pilares para asentar as bases do proxecto 2019-2023. E o terceiro obxectivo, máis vinculado coas persoas, pasa polo emprego e o benestar.

-¿Realmente cre que pode ter un presuposto neste 2018?

-Ao cen por cen, porque é imprescindible para este ano, porque temos moitísimos fondos que recabamos da UE e que sen un orzamento van ser moi difíciles de aplicar. Son imprescindibles para mellorar a calidade de vida das persoas. Vamos intentar o consenso, cousa complicada dadas as circunstancias de Ferrol, pero se non hai ese acordo, serán sometidos a unha cuestión de confianza.

-¿De que forzas agarda o apoio?

-Nun mundo utópico diría que esperaría unanimidade en aras á responsabilidade coa cidade. Temos que buscar apoio entre aqueles cos que temos máis similitudes no programa electoral, pero sen desbotar acordos puntuais para engadidos do PP, como digo en aras da responsabilidade, que se deu noutros casos, como o saneamento da Malata.

-¿Poderá iniciarse a obra de Armas antes do fin do mandato?

-Iniciada vai estar. Unha vez máis tivemos moitas pedras no camiño. É un sinsentido que se tomase como cabalo de batalla o aparcadoiro da praza de Armas. A noventa metros hai un aparcadoiro no Cantón no que día a día vemos dúas plantas baleiras. Temos medidas como son os aparcadoiros disuasorios. Resoltos estes problemas, que levaron moito máis tempo do debido, logo dun concurso de anteproxectos que é histórico no que participaron cincuenta arquitectos de recoñecido prestixio, é hora de acometelo. Xa están resoltos os trámites patrimoniais e agora é o momento xa de sacalo a contratación e antes de rematar o mandato vai estar iniciada a obra.

-¿Cal é o gran problema para peonalizar o centro de Ferrol?

-Aquí non estamos innovando. Sempre se pon o exemplo de Pontevedra, onde houbo conflito social, pero foi hai vinte anos, agora ninguén se acorda. O problema é que a primeira asamblea que tivemos promovida polos comerciantes do centro foi unha asamblea moi conflitiva que nos fixo reflexionar como acometer esa peonalización. Seguimos sen renunciar a ela e tamén é unha das bandeiras que pretendemos enarbolar neste 2018. Pero sempre trataremos de buscar o consenso. Eu estou convencido de que se gañaría moitísimo.

-¿Que claves manexa para tratar de revertir a caída demográfica e o deterioro urbanístico?

-Temos un centro con Ferrol Vello e a Magdalena cunha densidade de poboación mínima, moi avellentada, polas dificultades de acceso das vivendas e as dificultades de rehabilitación. Agora, coas axudas a través das áreas de rehabilitación integral que suman 3,3 millóns de euros para esta anualidade, tratar de facilitar, co respecto que hai que ter co patrimonio, as obras nas vivendas e facilitar o acceso ás mesmas. Ese é un dos puntos para recuperar a vitalidade do centro. Ferrol non só é o centro, pero cando un centro está vivo toda a periferia medra, e se evita a fuga que se produciu a finais dos 90 e comezos do 2000 á cidade veciña de Narón. Outro factor clave é o emprego. Nós por desgraza dependemos do monocultivo do naval. Había moitas expectativas no porto exterior, pero iso non termina de chegar. Pero é certo que se agora o estaleiro ten un repunte de carga de traballo, vai ir acompañado do demográfico. A recuperación ten que pasar porque a xente teña recursos económicos na cidade e non ter que ir buscalos fóra.

-¿Como está a situación da polémica taxa de saneamento?

-Como en tantos outros temas, hai certa toxicidade no debate político. Hai dúas realidades. Unha, que é a palpable, e é que o saneamento está a funcionar, que na ría estanse reclasificando zonas e que iso pode incrementar os postos de traballo do marisqueo e as actividades de lecer. E a realidade política é que nós, engarzando co que poden pensar os votantes de Ferrol en Común, tratamos ata en catro ocasións de levar adiante unha taxa axustada aos gastos reais e non obtivemos os apoios suficientes nas sesións plenarias. Tomamos unha decisión coherente cando suspendemos a taxa porque non se estaba a dar un feito impoñible, non o dixemos nós, dixérono técnicos municipais. Unha vez que o 3 de abril se acredita que comeza o saneamento tratamos de aprobar unha taxa axustada aos custes, non houbo apoio suficiente e tivemos que rehabilitar a antiga taxa, pero xa iniciando un expediente de modificación inmediato para axustala aos custes reais.

-¿Non considera que defraudou a votantes de Ferrol en Común?

-Pola realidade, que pode ser sesgada, que percibimos nós na rúa e nos nosos afíns e persoas non adscritas que no seu momento votaron Ferrol en Común, eu sigo percibindo o mesmo apoio. A crise do PSOE tampouco nos favoreceu... Pero aínda con todo... Non me gusta falar de enquisas pero polas últimas que se coñecen non só non estamos debilitados senón que estamos máis fortalecidos. Pero hai que ser autocríticos, recoñecer que se fixeron moitas cousas mal, que o tema orzamento foi un lastre para nós. E tamén está que chegar a gobernar un concello sen experiencia previa ten unhas dificultades de adaptación, aprendizaxe... Non teño ningún reparo en recoñecer as nosas limitacións e incapacidades no seu momento, Pero tamén creo que calquera alcalde, os que pasaron antes e eu mesmo, sempre tentan o mellor para a cidade. Aquí non estiveron ningún dos anteriores nin eu por un salario ou por ocupar un posto nunha poltrona, senón para facer política.

«Os primeiros meses fomos un pouco como unha cabra subida ás escaleiras nunha rúa»

-¿Xa é máis xestor que activista?

-O que dixen é que era máis activista que xestor no sentido de que consideraba os políticos da vella escola xestores dun consello de administración. Cando entras no pazo esqueces un pouco a praza. No Concello entras nunha dinámica de despacho, burocracia... E un ollo que tes que ter posto na rúa é o que se perde. Eu considérome activista porque estou a pé de rúa, non me gusta estar encerrado nestas paredes.

-¿O maior acerto como alcalde?

-Iso terían que ser outros os que o xulguen, pero se o teño que facer e sacar peito dalgún logro, o primeiro é o gran financiamento que obtivemos da UE con esforzo e proxectos propios. Un deles é o Edusi. Ir co Concello de Narón, estreitar lazos que estaban rotos e conseguir dez millóns de euros para investimentos en ambas cidades é un logro histórico. Está a revolución cultural que se vive en Ferrol, da que se fala en toda Galicia. En benestar, había dificultades para persoas que cobran 420 euros e teñen que manter unha familia, unha vivenda, e pagar facturas. As axudas de emerxencia que estaban practicamente bloqueadas cambian a outros formatos que facilitan moitísimo o acceso a esas axudas. En emprego, conxuntamente cos plans integrados da Xunta e outros programas, aínda que non sexan unha competencia propia do Concello, só no 2017 máis de 470 persoas accederon a accións formativas remuneradas e con posibilidades de obter traballo. Poderíamos seguir con patrimonio, servizos...

-¿E o seu maior erro?

-Creo que hai erros de calado. O primeiro que tivemos foi non encaixar ben as dúas pezas que conformaron o goberno inicialmente. As dificultades do pacto produciron esa ruptura que nos deixou mermados en efectivos, cada concelleiro leva seis ou sete áreas e iso dificulta a acción de goberno. Non creo que en ningunha grande cidade un alcalde leve Patrimonio, Facenda, Recursos Humanos, Novas Tecnoloxías, Contratación...

-¿Baixou a política de xestos?

-Os tres primeiros meses, nos que entramos como unha forza nova, fomos un pouco como a cabra subida ás escaleiras nunha rúa e a xente bota moedas. Tivemos unha exposición pública tremenda e tomamos decisións que críamos coherentes. A rebaixa salarial, a renuncia a certos privilexios. Nós o tomamos como algo natural, pero tiveron impacto mediático pola novidade. Co tempo perdeuse esa inxenuidade do primeiro momento.