Anovela de Guillermo Ferrández é un retrato en branco e negro do Ferrol industrial daqueles anos que moitos choran como o paraíso perdido. Un retrato duro e sen concesións. Cando lin a novela sentín vértigo pola intensidade do que se conta. A mala sorte dun home que non acerta a entrar na maquinaria corrupta de Bazán. É vítima pero en parte tamén complice das corruptelas do ambiente. E pasoulle o que lle pasou por «conacho». Porque,
vae victis, por riba da derrota levas a pena do escarnio. Para escribir unha novela como Conacho hai que ter a cidade moi interiorizada. Ter estampas ben debuxadas, como fotos fixas. O clasismo da cidade está cristalizado como se fose unha cidade inglesa. As xerarquías e a posición social perfectamente «escuadradas» na tableta de chocolate. Se non sabes o mapa de rúas e rituais de «dentro» e de «fóra» estás perdido. A novela leva varias edicións, porque nela se identifican miles de ferroláns que a len e a comentan. ¡Quen nos dera escoitar pros e contras! Os disimulos de quen vai sobrado e nunca dirá que o libro non lle caeu das mans. A obra de arte busca identificacións e Conacho xa pertence ao ábum familiar das nosas fotos. E iso tamén é complicado para un autor. ¿Por qué a literatura se dá identificado máis con perdedores e derrotados que con glorias e monumentos? Pero coidado coas intimidades do álbum familiar. Nas cidades as aparencias son unha arte de vivir e sobrevivir e esta novela é das incómodas; das que che quitan a máscara.