O Servizo de Anatomía Patolóxica do CHUF acollerá a partir do vindeiro ano médicos en formación
FERROL CIUDAD
Esta especialidade estará dispoñible tamén nos centros de saúde
12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Anatomía Patolóxica é unha especialidade xa acreditada nos tres hospitais de terceiro nivel (A Coruña, Santiago e Vigo), que agora se constitúe como unha alternativa á formación de residentes na Área Sanitaria de Ferrol. O servizo ocúpase do diagnóstico de patoloxías, tanto tumorais como non tumorais, a partir da extracción e do estudo de mostras orgánicas. A especialidade para os médicos en prácticas estará dispoñible tanto no Complexo Hospitalario Universitario coma nos centros de saúde, onde traballan un total de 22 sanitarios, entre técnicos superiores, facultativos e auxiliares, ademais de administrativos.
Só no ano 2020 realizáronse máis de 20.000 biopsias e arredor de 11.000 mostras de citoloxía. Alberto Veiga, responsable do servizo, afirma que «esta especialidade é unha gran descoñecida. Este servizo desenvolve un papel fundamental na elección de terapias personalizadas para cada tipo de paciente». «Temos o deber e a responsabilidade de facer cultura e de promover a nosa especialidade no ámbito extra e intrahospitalario», engade.
Acreditacións
Veiga insiste na dimensión que garantirá ao servizo a acreditación MIR dos residentes, a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada, e pon énfase nas características das instalacións do Hospital Naval, onde foi trasladado o servizo en outubro de 2018: «Temos un laboratorio moderno e un espazo físico envexable». Ademais da acreditación MIR, o Servizo de Anatomía Patolóxica atópase en proceso de implementación dun sistema de xestión de calidade. Xunto con isto, son catro os centros habilitados para ofrecer a formación dos médicos residentes: o Fontenla Maristany, Caranza, Serantes e Narón. As unidades docentes deben cumprir cunha serie de características a nivel estrutural, formativo e de recursos asistenciais, cos que conta o servizo. O seu responsable sostén que son «a alternativa en Galicia aos hospitais grandes», e que poñelo a disposición dos usuarios de Ferrolterra é unha ilusión sumada ás gañas de formar a novos residentes: «A aposta do noso servizo será ofrecer unha formación personalizada que poña en valor o aspecto humano, sen descoidar a capacitación técnica, os coñecementos e a investigación».
A actualización do persoal permitirá a conexión entre xeracións de profesionais da saúde, consolidando así unha relación proveitosa bidireccional e a garantía da mellor calidade asistencial para o usuario. Estas novas acreditacións estarán adscritas á Comisión de Docencia, na que xa se enmarcan outras especialidades coma Traumatoloxía, Cirurxía, Pediatría, Medicina Interna ou Xinecoloxía.