As xemelgas forman parte dos artistas que representan a España en Frankfurt
24 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.As artistas ferrolás Lara e Noa Castro (Ferrol, 1998) participan na exposición Where will we go from here? Twelve art stories told from Spain, no museo de arte contemporánea de Frankfurt, que está a ter lugar estas semanas na cidade alemá ligado á feira internacional do libro, onde este ano España é o país convidado.
As xemelgas, especializadas en vídeo arte, forman parte da escolma de artistas seleccionados para representar o país en dito evento, entre os que se encontran distintos creadores con proxección internacional como Regina de Miguel, Antoni Hervàs, Andrea Muniáin, María Alcaide, Putochinomaricón, Álvaro Urbano, Juan Pérez Agirregoikoa ou Paloma Polo.
—Que exploran na instalación «Sempre se encontra consolo»?
—É difícil coller esta peza por unha das bandas, unicamente. Está formada por capítulos e contos onde traballamos sobre todo o cantar e o contar, a paisaxe, a memoria... é todo un xogo a través de distintas estratexias da tradición oral galega. Con elas, intentamos xerar un espazo ambiguo.
—Falan moito das raíces: dende o onírico ata o recorrente Laxe, nunca se esgota esa fonte temática?
—Nós non pretendemos facer unha antropoloxía nin etnografía sobre a Costa da Morte, usámolo para xerar outro espazo máis universal. Queremos usar a bagaxe que xa temos. Traballamos nese espazo porque o coñecemos ben, sen cambialo, pero sabendo que pode ser moitos outros espazos.
—Estanse levando a cabo proxectos artísticos de interese en Ferrolterra?
—Moitos, e en toda Galicia tamén. De Ferrolterra están facendo moitas cousas interesantes artistas como Sofía Piñeiro, Carolina Bouza ou Natalia Fernández, por exemplo, que son artistas moi novas. Tamén Juan López, Ladislau da Regueira ou Sandra Sánchez. En San Sadurniño, por exemplo, sempre teñen moitas actividades dinámicas nas que nós participamos, tanto o «Chanfaina» coma o proxecto «A Arte ambulante».
—En que consiste a exposición da que formades parte en Frankfurt?
—Parte do programa de actividades fóra do recinto da feira consiste nunha mostra con artistas cuxo traballo tivese que ver coa ficción e con narrativas contemporáneas, para fialo coa feira do libro. No noso traballo, os soños están moi presentes e tanto o son como a imaxe teñen especial importancia. O son impórtanos moito: é algo moi subxectivo, que xera imaxes por si mesmo e é unha forma máis doada de chegar ás persoas porque non está tan codificado como o están as imaxes. É moi emocional e non require unha formación previa, co cal a xente está máis predisposta.