O Monumento ás Vítimas do Franquismo de Ferrol comeza a ser unha realidade coa instalación da base
FERROL CIUDAD
As obras iniciáronse este luns e a inauguración será o 20 de xaneiro
09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O agardado Monumento ás Vítimas do Franquismo será unha realidade en Ferrol o 20 de xaneiro, cando se celebre a inauguración. As obras da instalación da base inicíabanse este luns, co creador Manuel Patinha presente xunto cos operarios. A escultura terá catro metros de altura e levará o nome dos 904 asasinados polo franquismo na comarca.
A Comisión Pro Memorial ás Vítimas do Franquismo en Ferrolterra, como promotora deste monumento, recorda que «transcorreron nada menos que 14 meses dende que se anunciou inicialmente a inauguración». Pero agora celebra que «por fin se visibilice e se faga xustiza ás vítimas, o cal non fai máis que reafirmarnos en que perserverar e presionar ata alcanzar o obxectivo merece a pena».
Dos traballos, supervisados polo Concello de Ferrol, encárgase a empresa 2 GL Ártabra. E Estudios Creativos elaborará os paneis cos nomes gravados das vítimas. No proxecto tamén traballa o estudo VLD Arquitectos.
Inauguración do día 20
Para a inauguración do 20 de xaneiro, a Comisión Pro Memorial insta a que «cada quen no seu campo axilice os traballos para que este acto teña toda a magnificencia que se merecen as vítimas e os seus familiares». A organización pide que interveñan tres familiares, ademais de músicos no acto que se celebrará ese día no parque Antón Varela de Canido.