Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Emilio Grandío, historiador: «Hoxe, coa posverdade e as 'fake news', o control da información é máis intenso ca nunca»

ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Grandío Seoane aborda o proceso modernización dos servizos de información españois desde a Segunda República
Grandío Seoane aborda o proceso modernización dos servizos de información españois desde a Segunda República PACO RODRÍGUEZ

Profesor de Historia na USC, este coruñés con raíces no Barqueiro advirte dos riscos da inmediatez e de «construír o futuro sen unha reflexión previa sobre o presente»

09 mar 2025 . Actualizado a las 23:24 h.

«Democracia vs. ditadura. Sobre a orixe dos servizos de información de España». Este foi o suxestivo título dunhas xornadas coordinadas por Emilio Grandío Seoane (A Coruña, 1967), profesor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e con raíces familiares no Barqueiro (Mañón), e outros dous docentes que forman parte, coma el, dun grupo de traballo e investigación de distintas universidades españolas. Convidounos a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, dentro das actividades que conmemoran os 50 anos en liberdade, desde a morte de Franco. E decidiron abordar os servizos de información, unha temática máis interesante, se cabe, logo da desclasificación de parte dos arquivos internos. O programa partiu da modernización que se produce nos servizos de información españois a partir da Segunda República.

—Como foi ese proceso?

—Na Primeira Guerra Mundial é cando se modernizan os servizos de información no resto de Europa. Pero aquí, sen guerra, non houbo esa necesidade de modernización. O cambio comezou nos anos da ditadura de Primo de Rivera e, sobre todo, na Segunda República, cando os obxectivos eran internos, máis ca externos, coa vixilancia aos cuarteis, aos partidos políticos (de dereitas e de esquerdas)... Iso transfórmase coa sublevación militar do 36, durante os tres anos de Guerra Civil e a partir do 39, coa ditadura militar. Durante a Segunda Guerra Mundial, España foi un territorio privilexiado, pola súa condición de neutral, para a utilización e o desenvolvemento dos servizos de información exteriores. Aquí estaban todos, porque podían, británicos, americanos, franceses, italianos, alemáns...

—E iso que implicou?

—Se ben moitas veces explicamos a información en bandos (o servizo británico, o americano...), o núcleo duro do capital que significa a información é un terreo moito máis poroso. A información é global e os servizos van buscala no outro bando. Polo que, en España, nos anos da Segunda Guerra Mundial, con tantos servizos aquí, que podían cotexar e buscar información entre eles... o que resulta é un produto moi interesante e moi complexo, e fai que os servizos de información españois aprendan moitísimo.

—Nas xornadas falou do incipiente servizo de información do Goberno republicano no exilio.

—Entre o 46 e o 49 hai unha realidade certa de que as democracias occidentais van botar abaixo o réxime de Franco. Prepáranse para iso, e o primeiro é buscar información para poder operar despois. Hai toda unha serie de redes e enlaces que buscan no interior, preparan unha estrutura e teñen unha planificación para poder acometer dunha maneira rápida o cambio á democracia. Hai un traballo feito polo Goberno republicano do exilio para tomar o poder da maneira máis rápida e menos lesiva.

—Pero iso non se produce...

—A partir do 49, tanto a guerra contra a guerrilla (a resistencia armada) como a aprobación das potencias occidentais (desa maneira ambigua, poñéndose de perfil respecto do réxime de Franco) fan que a ditadura sexa un elemento moi útil tamén para levar adiante, por exemplo, rutas de fuxida, que antes se usaban para sacar aos aliados (xudeus, perseguidos de carácter político ou étnico polos nazis) e logo se converten nas chamadas «ratlines», sistemas para sacar nazis e fascistas de Europa. España segue sendo un país moi útil desde a perspectiva da información.

—E coa chegada da democracia?

—Existe unha continuidade dos servizos de información [...], todo o mundo, excepto os do búnker, consideraba inevitable plantexar como oficial o que era real: unha sociedade moito máis evolucionada e moderna, que necesitaba unha homologación política fronte á Europa do benestar.

—E producíronse cambios...

—Porque a sociedade cambiou. Pero a información é fundamental, quen ten a información ten o poder, é a primeira vítima das guerras. E iso non é de hoxe, vén desde principios do século XX. Pero hoxe, o control da información, coas fake news, a posverdade... ten máis intensidade. E non é só cuestión das redes sociais, senón da vixilancia que se pode establecer a través dos teléfonos móbiles [...], e coa intelixencia artificial (a maioría) xa non sabemos onde imos dar, é un mundo absolutamente distinto, cunha potencialidade, unha extensión, unha difusión e incluso un descoñecemento moito maior ca antes. Antes sabías onde tiñas que buscar os servizos de información, e agora están en todos lados, aínda que non queiramos; estamos mellor comunicados, pero non mellor informados.

—Como explica iso?

—Vivimos coma se non existira o pasado, nun presente en eterno bucle, que moitas veces nos impide ver as realidades do pasado. Esa información tan rápida e inmediata non nos deixa tempo para pensar, e a construción do futuro sen unha reflexión previa do que fas no presente condúcete moito máis, no sentido de que tes a iniciativa moito menos [...]. A realidade é que o poder sempre tivo a información do seu lado. Preocúpame que os medios de comunicación dan unha información moi pouco filtrada, aparece un informe dun arquivo e dáselle grao de verosimilitude. Os medios teñen o fin de difundir, pero a credibilidade esixe que se cotexe. Hai moitas cousas escritas para que os propios historiadores pensemos que foi así, póñenlle o cuño de secret e dás por sentado que foi real, e ao mellor non, aí entra o método histórico, cotexar fontes.

Quen controla hoxe a información, a nivel global?

—Trala Segunda Guerra Mundial cambia radicalmente como se relaciona a sociedade coa información. Naquel mundo bipolar, cada un vixiaba o que se facía no outro lado. Trala caída do Muro de Berlín e ata hai ben pouco tiñamos un mundo único e globalizado. E agora temos o proteccionismo e a defensa das identidades nacionais. Dicir quen controla a información é complexo porque este mundo é moi complexo e multipolar [...]. Estados Unidos é un Goberno de plutócratas; China leva décadas desenvolvendo sistemas de información de maneira moi notable; que dicir de Rusia... Pero tamén está o Mossad [a axencia de intelixencia de Israel] e hai sistemas de información xerados en moitos lugares. O que temos que ter claro é que esa información non nos chega de maneira natural, senón intencionada.

—Para distraernos do importante?

Cando falo de política cos rapaces dígolles que non pensen no que falan os políticos, senón no que fan. Parte da confusión non vén só de que teñamos moitísima información senón dos tempos nos que se xera. Non é o mesmo educarse con TikTok que con Tuenti [rede social xa desaparecida]. O medio é a mensaxe [...]. Desde hai 30 ou 40 anos foise a un proceso de desindividualización enorme, os colectivos deixan de selo, a xente está vinculada a un colectivo a través dun medio e, polo tanto, escolle o que quere ver, e vaise a grupos cada vez máis individualizados, o que provoca que non teñas capacidade de conexión porque non coñeces. Iso, levado aos Estados, fai que non se poida gobernar polo ben común, porque a xente non o entende, non porque sexa parva...

—Porque o concepto (xa) non é o mesmo para todos...

—Iso é o que está pasando. Por iso antes entendiamos que o Estado, con gobernos dunha cor ou doutra, traballaba por un ben común. Pero hoxe non. O mundo da información cambiou extraordinariamente e cada vez vemos menos cara a fóra, sorprendentemente, e tendemos máis á nosa cuestión individual.

—Iso debilítanos como sociedade.

—Si, porque é moi difícil sentirte coetáneo de alguén se non o coñeces, se nin sequera sabes de que fala nin que lle gusta.

Coordinador do libro Pasado Arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia

Grandío Seoane coordinou o libro «Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia», publicado por Galaxia no 2024. «Non podemos evolucionar sen saber de onde procedemos, cales son as nosas tradicións, o noso xeito de estar no mundo. Necesitamos unha construción cultural, unha xustificación moral que nos protexa ante os acontecementos do porvir [...]. Cando falamos de memoria aludimos a un pasado poboado por unha miríade de perdedores que foron o xermolo da sociedade actual, que convive, nesta época democrática, co seu recordo», expón no limiar. Alerta do medo «como o principal mobilizador das masas ao longo da historia, fronte ao cambio, fronte a un futuro que non se dá percibido».

E tamén rexeita o discurso maniqueísta sobre o pasado, de «bos e malos», «moito máis cómodo para todos, intelixible e fácil de dixerir a curto prazo, mais insuficiente porque non permite entender». Punta Herminia, na Coruña, ou o Pazo de Meirás son algúns deses lugares da memoria polos que viaxa esta obra.