
O pregón correrá a cargo da historiadora Anabel Bello Platas; haberá presentacións, sinaturas e un club de lectura con María Oruña
25 abr 2025 . Actualizado a las 11:35 h.No esplendor da primavera, Ferrol volverá a ser durante tres días a capital literaria de Galicia. E acolle desde hoxe ata o domingo a Feira do Libro, que abre a tempada de feiras nas cidades e vilas. Organizada pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura, tamén colabora o Concello de Ferrol.
Na Praza da Constitución, xunto ao Cantón de Molíns, o pregón correrá ás 12.30 deste venres a cargo da historiadora e escritora ferrolá Anabel Bello Platas (autora de investigacións sobre as fábricas de Xuvia, a capela de Serantes ou o Pazo Libunca). Os máis pequenos terán obradoiros de marcapáxinas plantables, escritura braille, teatro para familias ou contacontos musicais.

Presentaranse os seguintes libros: O clan das barbies de Antía Yáñez (venres ás 19.30); Gorriones y halcones con lectura dramatizada a cargo de Carmen Blanco, José Antonio Blanco e Tania Villamarín; (sábado ás 18.30); Os anos tranquilos de Llerena Perozo (sábado ás 19:30); Doce voz de megafonía de Xesús Constela (domingo ás 12.30); e Runrún de Ana Varela (domingo ás 18.30).
Tamén celebraranse sinaturas de libros con outros autores que acaban de publicar, como Manolo González con «O cineísta andarego. A propósito de Bernardino de Lamas» e Miguel Castro Serantes con «La cuadrilla de las olas rotas». E haberá un club de lectura o sábado ás 11.30 coa presentación do libro «El albatros negro» de María Oruña. Participan oito librarías e dúas editoriais.