As xornadas de Nordés abordan os efectos do franquismo no mundo rural

LA VOZ MAÑÓN

MAÑÓN

ALBERTO LÓPEZ

As actividades comezarán mañá e seguirán ata o sábado, no consistorio de Mañón, no Barqueiro

22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As oitavas xornadas Memoria dun Tempo, organizadas polo colectivo Nordés, abordarán os efectos das políticas aplicadas durante a ditadura franquista no medio rural e nas súas xentes. As actividades comezarán mañá, no salón de actos do Concello de Mañón, no Barqueiro, coa proxección do documental Asolagadas, de 2013. O director, David Vázquez, falará sobre a gravación das imaxes das aldeas do encoro de Belesar, sepultadas pola auga no ano 1963 e que quedaron ao descuberto no 2011. Será ás oito da tarde.

As políticas para a modernización do rural galego no franquismo centrarán a conferencia de Alba Díaz Geada, historiadora da Universidade de Santiago, o venres, ás oito da tarde, no consistorio mañonés. Indagará na reforestación forzada do monte comunal, as accións de concentración parcelaria, o fomento da especialización leiteira ou o labor do servizo de extensión agraria. E o sábado, como peche, Nordés renderá homenaxe a republicanos e libertarios, ás 12.00 horas, na ponte vella do Barqueiro. Todas as actividades programadas para estes días son de libre acceso.