Andrés Penabad, a banda Xangai, Encrucillada e Os D'Abaixo, no cartel do evento que comeza este venres
18 ago 2023 . Actualizado a las 14:01 h.A repichoca, unha foliada popular aberta a pandeireteiros, gaiteiros, acordeonistas ou bailadores, abrirá a edición 44 do Festival Irmandiño de Moeche, este venres (22.00 horas). A Asociación Cultural Irmandiños, que organiza o evento, destaca como esta cita previa ao día grande foi sumando asistentes «e consolidándose como punto de encontro para a xente asidua ás repichocas na comarca».
O sábado, a actividade será intensa. O castelo estará aberto, con entrada gratuíta, desde as once da mañá, coa exposición Lost in Woodlands, do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas. A partir da unha e media haberá unha pequena sesión vermú con picadiscos, no campo do festival, que xa case enlazará co asalto infantil á fortaleza, previsto para as catro e media. «A rapazada revivirá os episodios medievais case coa mesma ansia que os Irmandiños, con globos de auga en lugar de armas», sinalan.
Xogos tradicionais
A competición de xogos tradicionais comezará ás seis e a música empezará a soar ás nove e media, co acordeonista pontés Andrés Penabad. Despois actuará o grupo vasco Huntza (23.00 horas), que vén de anunciar a súa disolución. E arredor das 00.45 comezará o asalto ao castelo, logo do pregón de Jasper. Rematará coa sesión de fogos artificiais e despois seguirá a música, coa a actuación da banda Xangai, de Xurxo Souto, e o grupo Bestas.
Pero o festival non remata ata o domingo, con sesión vermú ao pé do castelo (13.30 horas), comida campestre (15.00) e a actuación de Encrucillada (16.30) e Os D'Abaixo (17.30). O Concello de Moeche colabora cunha achega de seis mil euros, apoio loxístico e a xestión de dous dos concertos.