Medio cento de produtores agroalimentarios acudirán á Feira do Queixo de Moeche, o día 30
MOECHE

Nesta sétima edición tamén funcionará o Tren do Queixo, desde Ferrol
25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na Feira do Queixo de Moeche, que se celebrará o domingo, día 30, en San Ramón, xuntaranse 33 queixerías galegas e doutras partes do Estado, así como varios postos de alimentación, moitos co selo galego de Artesanía Alimentaria.
É a sétima edición deste encontro gastronómico que se presentará este xoves, día 27, Día Mundial do Queixo, no castelo de Moeche, coa presenza de produtores, entidades asociativas e establecementos de hostalería do municipio e do resto da comarca.
O Concello promove esta cita, que este ano volverá a contar co Tren do Queixo, para facilitar os desprazamentos desde Ferrol, no ferrocarril de vía estreita. Ademais de ofrecer catas comentadas, obradoiros infantís, música, visitas ao castelo, maxia e sorteos, «entre outras actividades», como apuntan desde o Concello.
O goberno local subliña «a consolidación desta feira no calendario de eventos gastronómicos galegos, como referente da produción artesá de queixo e artesanía agroalimentaria, produtos da máis alta calidade». Tamén incide na aposta da Administración local por «potenciar o sector lácteo e o queixo en particular».