Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Moreas de xente na Feira do 23 de Abril en Moeche: «Gústanos o de toda a vida, a tradición e os cabalos»

ANA F. CUBA MOECHE / LA VOZ

MOECHE

Afeccionados de toda Galicia gozan do día máis grande do ano nesta localidade, con 3.600 euros en premios nas carreiras

23 abr 2025 . Actualizado a las 22:46 h.

En Moeche, o 23 de Abril é cousa de bestas, non de libros, aínda que hai algo poético nesta data que ateiga unha localidade que ten feiras os días 11 e 23 de cada mes, ao longo de todo o ano. «Gústanos o de toda a vida, o tradicional, as cousas de segunda man, a artesanía, os oficios... non queremos que se perdan», din María José e Jesús. Son de Narón, andan polos 60 anos e saen do recinto cunha bolsa chea de rosquillas. «Mentres as haxa, porque xa só queda unha señora que as fai en Galicia», di María José. «Vimos por ver a xente e o que é capaz de facer», apunta Jesús.

A choiva durou ata media mañá, pero disuadiu a poucos de acudir e as carreiras congregan a centos de persoas ao longo de todo o circuíto. Miguel Galeiras Doce, veciño de Ortigueira de tan só dez anos, é un dos xinetes máis novos, e onte montou un cabalo pinto. «Gústame a forma de ser deles, son animais que levan moitos anos con nós, andar neles é divertido, aínda que algún é bravo. Co meu levo bastante tempo, pero aquí estou probando este, a ver se me vale», explica.

A uns metros da meta das probas, tratantes e curiosos móvense pola feira. Albino veu desde Vimianzo cos seus exemplares. Outro rapaz chegou desde Muras, cunha egua e un poldro: «Compraba dous ou tres animais, pero non demos tratado, e vender é difícil porque non che dan un peso». «Iso está bastante parado, os prezos van á baixa, entre 300 e 600 euros por un poldro de arredor dun ano, e de ano e medio, de 400 a 700. De carne, véndese mellor o gando adulto», apunta Antonio Barcia, máis coñecido por Antonio do Monte. Xoga na casa. «Isto está cambiando, hai moita carreira e moita xente móvese pola afección aos cabalos, pero non son cabaleiros», razoa. «Son indíxenas», sinala entre risas outro compañeiro. Os tempos mudan. «Antes valía moito máis a palabra ca hoxe», sentencian.

Esther, Inés e Marta, as tres de Ferrol, e Noemí, da Pastoriza, son amigas e falan sen parar, liberadas por un día de crianzas e obrigas. «A esta feira nunca faltamos, porque a miña parella ten cabalos», di Esther. De fondo, o son do trote dos cabalos que participan nas carreiras, con 3.600 euros en premios. A Asociación Ecuestre 23 de Abril está detrás de todo, co apoio do Concello de Moeche, a Deputación e os patrocinadores privados. Óese algunha queixa pola limitación do número de cabalos nas competicións de andadura.

A media mañá, Protección Civil tivo que pechar os aparcamentos porque non cabía un coche máis, como conta Adolfo Picos, da agrupación de Neda: «Levo 28 anos seguidos vindo». A churrería de preto de Carballo tampouco falta, nin a panadaría Fornos Fernando Valín, de Palas de Rei, con clientes que veñen ata de Burela. Do outro lado, uns xantan polbo á feira e outros churrasco. E María Jesús e Jesús pregúntanse por que non se rehabilitan os vellos postos da feira, nos que medra a herba. Aínda queda 23 de Abril en Moeche.