Na contemporaneidade o teatro encheuse de novas formas e estilos; así temos teatro do absurdo (Beckett, Ionesco), épico (Brecht), da crueldade (Artau), etc? mas agora creo que teremos que engadir un novo concepto: teatro del barrio. En decembro de 2013, no espazo que daquela era a Sala Triángulo ?referente das salas alternativas da capital do reino cunha historia de 25 anos- nace o proxecto dun grupo de persoas implicadas nos movementos sociais, herdeiros do 15M; arquitectos, economistas, avogados e na cabeza, como máis visible, Alberto San Juan: activista cultural, autor, director, actor de cine, de teatro e televisión, fundador da compañía Animalario (1997), no noso recordo pezas como Alejandro y Ana; unha ficción sobre o banquete da voda da filla de Aznar.
Teatro del Barrio aséntase no barrio de Lavapiés. É unha cooperativa de consumo cultural sen ánimo de lucro, unha fórmula que deixa claro o seu perfil e implicación co social e coa sociedade. Posiciónase como unha ferramenta transformadora para a construción doutro
modelo de convivencia e para elo utiliza a Cultura: teatro, danza, poesía, música e a festa, entendida como a reivindicación da beleza e do humor ante a gris opresión. Traballan sobre dous eixos: unha programación escénica -producións propias e convidadas- con propostas político-humorísticas que revisan o noso pasado máis recente e dan claves para comprender o convulso presente e A Universidade do Barrio, que convoca a profesores e investigadores a expoñer distintos temas dende un enfoque lonxe da oficialidade, a súa intención é desvelar os procederes do poder contra da cidadanía.
Javier Gutiérrez
O Pazo da Cultura de Narón acolleu o pasado venres e sábado «El Rey», a última produción de Teatro del Barrio -despois de pezas tan solventes como Ruz-Bárcenas-, escrita e dirixida por
San Juan e interpretada por Luis Bermejo, no papel de monarca, Guillermo Toledo e Javier Gutiérrez encarnando infinidade de personaxes ( Franco, Súarez, Gónzalez, Martín-Villa... etc).
No centro da escena un sofá rexio, pero botado en anos e calzado sobre libros para manter unha digna posición, antecede e ilustra a figura ficcionada de Juan Carlos I; decrépito, drogodependente, mullereiro, comisionista, asasino, traidor ao seu pai, a Franco e ao país. Un perfil no imaxinario de moita da poboación, mas non oficializado.
Interpretación
A interpretación é superior, así coma a de Toledo e Gutiérrez, pasando das imitacións hilarantes -un Felipe González facendo breakdance- ás creacións das súas versións dos protagonistas da historia real. A proxección das súas voces encheu o Pazo, sen necesidade de amplificacións, os seus acenos elocuentes e a súa presenza na escena foi un grato xogo. O texto está ben fiado, mesturando con acerto os relatos dos ilustres cos propios do autor, complementados con cancións referenciais (sigo sendo o rei, noivo da morte).
Unha ficción maxistral, divertida e re(v/b)eladora, explicativa da realidade actual.Este espectáculo chega nun momento oportuno -o debate político na cidade está ao redor de se manter ou non un busto egrexio- e o público, que case encheu o Pazo (900 butacas), pronunciouse claro e en pé cun «Viva el rey», pero polo Rei de Alberto San Juan.