Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Factoría do Lume «cociña» en Narón as salsas máis picantes

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Joaquín e a súa nai traballan man a man no obradoiro que teñen en Santa Icía, en Narón
Joaquín e a súa nai traballan man a man no obradoiro que teñen en Santa Icía, en Narón cesar toimil

A cooperativa creada ao inicio da pandemia polo cociñeiro Joaquín Pérez e a súa nai, Elena Sabín, non parou de medrar

16 feb 2022 . Actualizado a las 22:31 h.

Que é A Factoría do Lume Co.? «Unha cooperativa de traballo asociado e familiar, unha nai e un fillo. Iamos arrincar cando se declarou a pandemia e... aproveitamos para promocionar a venda en liña e a través das redes sociais», responde Joaquín Pérez, naronés de 34 anos. El e a súa nai, Elena Sabín, de 62, puxeron en marcha un proxecto que non parou de medrar. Elaboran salsas picantes, «produtos innovadores sen aditivos nin conservantes artificiais», en moitos casos en colaboración con restaurantes, carnicerías e outras empresas.

Joaquín acumula anos de experiencia na cociña, aquí e no estranxeiro, e Elena é «unha traballadora incansable, moi capaz, un bo exemplo, rápida, eficiente...», eloxia o seu fillo. Ela, «ademais de friquear coa cociña», cursou un ciclo superior de nutrición e dietética, moi útil para o negocio das salsas. «Estuda e controla moito dos procesos», subliña Joaquín. Nas xuntanzas familiares comparten fogóns —«non lle deixo fregar», remarca— e no negocio, ela achega a dose de paciencia da que ás veces el carece.

Farto da «presión, física e anímica» da cociña profesional, quixo emprender. E como sempre que pedía nun bar ou restaurante algo picante lle daban tabasco, pensou cubrir ese baleiro. «Empezamos coa salsa jalapeña, con chile, allo asado a baixa temperatura, sal, vinagre e azucre; a Lume e a Inferno, que por motivos de patente agora é Arre Demo, nome elixido pola xente nas redes sociais, escollido entre máis de 300 propostas. Leva pemento pantasma, un dos chiles máis picantes do mundo», explica.

A gama foise ampliando, co chimichurri O'Brasas, en alusión «a quen sempre dá a brasa...», un máis suave e outro algo máis picante —na etiqueta din que «pica de carallo»—. Venden a través da súa páxina web e de distintos distribuidores, e directamente a tendas pequenas, a maioría en Galicia, pero tamén en Barcelona, País Vasco, Cádiz ou Madrid. «A idea é favorecer o consumo local», recalca el promotor de A Factoría do Lume Co. «Todo o facemos de maneira artesá, desde a elaboración das salsas, o enchido das botellas, a colocación dos tapóns, o etiquetado... é un proceso laborioso, aínda que temos bastante capacidade de produción», comenta o artífice do negocio desde o obradoiro de Santa Icía, en Narón.

Xa teñen no mercado un licor café cun toque picante, da man dunha licorería de Ferrol, e están explorando o potencial do pemento de Padrón, «usando os descartes, o que se pon vermello e ten un toque doce, para salsas de corte asiático, como a agridoce ou a barbacoa coreana», conta. Recoñecen que hai «moito marxe para medrar», planean «facer unha cervexa cun toque picante, en colaboración cunha marca galega», e van cooperar con algunha fábrica conserveira.

«Fóra de aquí cómese moito picante [en Sudamérica e Asia levan milenios...], o consumo moderado é beneficioso, o chile protexe o estómago e as paredes intestinais, axuda a regular a presión arterial...», subliña. De momento importan o chile, pero xa hai produtores locais dispostos a cultivalo.