Marián Ferreiro, candidata de Terra Galega en Narón: «Xuntábase que era nova e muller, ás veces facíanse silencios machistas»

Pablo Carballo
Pablo Carballo NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Pablo Carballo / Álex López-Benito

Ten o costume de escoitar unha canción e media no camiño da casa ao concello: «Se alguén me chama nese momento, non contesto. Non importa quen sexa e para que»

22 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

En setembro do 2017, José Manuel Blanco, herdeiro de Xoán Gato, anunciou a súa xubilación como alcalde de Narón. Logo entregou o bastón de mando a Marián Ferreiro Díaz (Narón, 1977), quen revalidou a alcaldía dous anos despois e agora aspira á reelección no oitavo maior concello de Galicia.

—Tivo que relacionarse nestes anos con axentes económicos e sociais. Percibiu machismo?

—Si, un pouco si. Hai cousas que mellorar.

—Póñame un exemplo concreto.

—No meu caso, xuntábanse dúas cousas: que era nova e muller. Ás veces facíanse silencios. Pretendes opinar dalgunha cousa e é como: «A ver, que aquí xa estamos nós, que somos os que sabemos».

—Trataban de facela de menos.

—Si, a realidade está aí. É verdade que fomos dando pasos, pero iso segue existindo. Agora xa non o noto. Na mancomunidade, por exemplo, que son todo homes, síntome plenamente integrada e non percibo eses baleiros.

—Falando da mancomunidade, como é a relación con Ferrol?

—Estamos destinados a entendernos. Sempre digo que non somos cadeiras, isto é unha comarca. Hai que ter sinerxías, independentemente das siglas e das persoas. Temos puntos, un sobre todo, no que non estamos de acordo.

—Cal é ese punto?

—No saneamento da ría.

—No pasado, o seu partido chegou a acordos con formacións de dereitas. Vostede acadounos co BNG e co PSOE. Como Terra Galega non se presenta ás eleccións xerais, a quen vai votar vostede?

—Creo que vou votar en branco.

—E nas autonómicas?

—Tamén en branco.

—Que é o máis estraño que lle solicitaron como alcaldesa?

—As cousas máis orixinais son as que che din os nenos. Algunha vez me pediron que lles ensinase a coroa e que a puxese.

—Quixo que nos atopemos nun punto concreto do concello por onde pasa o Camiño Inglés. Fíxoo vostede?

—Fixen varios tramos. Ao último non cheguei por un problema no pé. Quedoume unha espiña por non rematalo. É unha experiencia que recomendo. De Narón a Compostela hai cen quilómetros xustos, a distancia mínima para recibir a compostela.

—Que é o que máis lle gusta facer fóra do seu traballo?

—Viaxar, sexan distancias longas ou curtas. Teño un grupo cos meus amigos no WhatsApp chamado Excursionistas e propoñen lugares ata para pasar o día. É o que máis desfruto. Aprendes, compartes con outras persoas...

—E que viaxe ten pendente?

—Unha cos meus fillos, que teñen 5 e 8 anos. Prometino e, unha vez que pase o 28 de maio, quero darlles ese pracer.

—A onde?

—Nunca estiveron nun parque de atraccións e xa lles toca. Iremos a Madrid. Non é o que máis me gusta a min, pero eles estanos desexando.

—Vostede que elixiría?

—Unha fin de semana nun sitio de praia.

—Pon música no móbil?

—Teño un costume, un momento para min. Dende a miña casa ata o Concello teño tempo para escoitar unha canción e media, máis ou menos. Se alguén me chama nese momento, non contesto. Non importa quen sexa e para que sexa, a non ser que estea á espera dunha chamada vital. Ese tempo, desde que escollo as dúas cancións en Spotify, ata que chego ao traballo, é para min.

Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón y aspirante a la reelección por Terra Galega
Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón y aspirante a la reelección por Terra Galega CESAR TOIMIL

«De nena, pasaba os veráns en Perbes e recordo a Fraga na praia. El viña polas mañás, deixaba as cousas, bañábase, daba un paseo e falaba cos veciños»

—Cal é a canción da súa vida?

Wicked Game, de Chris Isaak.

—E a última aplicación que descargou no teléfono?

—Unha de facer collages, de unir fotografías. Non recordo o nome.

—Onde pasou os veráns da súa infancia?

—En Perbes.

—Na terra de Fraga.

—Exactamente. A miña familia paterna é desa zona. Teño lembranzas moi boas da praia de Perbes cos meus curmáns. E recordo ver alí a Fraga tamén. Dábase baños sobre todo polas mañás. Deixaba as súas cousas nun lado e ía á auga. Tamén lle gustaba dar paseos pola area e falaba cos veciños.

—Recorda falar con el?

—Si, si, saudalo. Eu era unha nena, pero lembro tamén como os meus pais me explicaban quen era Manuel Fraga.

—Quen lle ía dicir entón a vostede que faría carreira política.

—Non era algo que entrase na miña cabeza. Empecei nas xuventudes de Unidade por Narón, que foi a semente de Terra Galega. E fíxeno motivada por facer cousas, pero nunca cunha aspiración a nada.

—Como lembra o seu ascenso á alcaldía?

—Eu formaba parte do equipo de confianza do anterior alcalde. Naquel momento estaba embarazada. Dei a luz, collín a baixa de maternidade, e ao pouco tempo xa me incorporei como alcaldesa de Narón.

—Foi un cambio de vida drástico.

—Tes que conciliar cun bebé. Sendo a primeira muller, sabía que aí ía estar tamén o foco. Pero non goberna unha persoa só, hai un equipo detrás que contaba cunha experiencia fundamental.

—Apoiaría a regulación da xestación subrogada, dos ventres de aluguer?

—Depende.

—Moi galega esa resposta. De que depende?

—Vivo moi de preto o caso dunha muller da miña idade que vai conseguir ser nai, con moita ilusión, grazas a unha adopción. Pero antes considerou moitas opcións, así que teño presente a situación. Se hai alguén que desinteresadamente, sen recibir ningunha contraprestación económica, quixese darlle unha alternativa a esa persoa que quere, non o vexo mal. O que vexo mal é que isto se faga a cambio de cartos. O que non comparto é facer con isto un mercado.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.