Tania Sabín, escritora con trastorno bipolar: «Esta novela foi unha catarse que me sacou do fondo do pozo»

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Tania mostra o seu primeiro libro, cunha fermosa ilustración na portada, en Narón, onde vive
Tania mostra o seu primeiro libro, cunha fermosa ilustración na portada, en Narón, onde vive CÉSAR TOIMIL

Escribe desde nena, le «de todo», sen prexuízos, e pide trato «normal, sen medo nin pena», para quen sofre unha enfermidade mental

21 dic 2023 . Actualizado a las 16:07 h.

Tania Sabín (A Capela, 30 anos) sempre lle gustou escribir. Súa nai garda os diplomas dos concursos desde nena. Gañou varios, pero hai un do que se sente especialmente orgullosa, o certame literario da Universidade da Coruña de 2015, no que levou o primeiro premio de poesía por Invulgares despedidas. Agora dálle máis pola prosa poética, pequenos fragmentos que plasma no seu «caderno azul», «narracións curtiñas» que lle saen, sobre todo, cando está triste. Cursou o ciclo superior de Hixiene Bucodental, ao que dedicou case toda a súa vida laboral; deixou aos dous anos Filoloxía Inglesa por motivos de saúde; fixo o ciclo de administrativo e traballou en loxística nunha empresa. Este ano publicou a súa primeira novela, Marzo, coa editorial andaluza Con M de Mujer. Pódese comprar na Central Librera das rúas Real ou Dolores (Ferrol), Pasapáxinas (Narón), na web da editorial, en Amazon ou pedíndoa en calquera libraría.

A escritura é unha afección...

—Si, pero é ao que me gustaría dedicarme profesionalmente, á narrativa. Teño unha novela publicada, unha terminada e rexistrada e outras a medio rematar ou sen corrixir, e estou na procura de editoriais, para ver se a algunha lle interesa o manuscrito.

—Escribe en castelán...

—Escribo en castelán o que espero publicar, e en galego o que escribo para min. Na prosa poética, a poesía ou os relatos intimistas, a musicalidade do galego non a ten o castelán. Pero, dóeme dicilo, o alcance que temos, sobre todo os escritores noveis, co galego, limítanos bastante á hora de chegar ao público. Se nun futuro hipotético tivera certo público atreveríame máis, pero agora penso que non mo podo permitir.

—Que é «Marzo»?

—É unha novela curta e o significado do título é moi simple. Transcorre do 1 ao 31 de marzo, está escrita a modo de diario, cada capítulo corresponde a un día do mes. Está escrito en primeira persoa pola protagonista, Sofía, que está pasando por unha etapa da vida na que non se sente cómoda. Pódese intuír que algo vai mal dentro dela, a pesar de que ten un traballo moi bo, unha posición moi boa, un noivo estable, unha casa, un can... todo o que debería facela feliz, pero non é así.

—Que máis se pode contar?

—Atravesa varios cambios, coñece a unha persoa que lle abre os ollos e lle fai sentir novas sensacións, que quizá está errada na forma na que está vivindo, que hai novas posibilidades para ela... e dá un xiro de 180 graos. O día 31 non ten nada que ver co 1, a personaxe evoluciona con cada capítulo, e ao final da novela chega a tomar unha decisión que non podería ter tomado os primeiros días.

—Hai moito de vostede nela?

—É importante na novela que, ademais do propio diario, ten un caderno azul, no que vai escribindo fragmentos de prosa poética que se inclúen nos capítulos. É un préstamo que collín da miña vida, é o que fago eu, botar fóra os sentimentos en ton triste e melancólico... Quería darlle esa parte de min a Sofía. A xente que me coñece di que o 80 % dela son eu, eu non o vexo tanto.

—Que lle aporta escribir?

—É unha forma de liberación total. Cando empecei Marzo estaba atravesando unha depresión moi forte, botei moitos meses de baixa, e foi case coma unha catarse que me sacou do fondo do pozo. Se non tivera esa motivación por levantarme e escribir, seguiría metida na cama. Ler e escribir a diario foi moi importante para min. É un premio persoal acabar Marzo, porque houbo momentos de baixón. Para min foi un trunfo. Gustará máis ou menos, pero para min ten un significado especial, Marzo sempre vai ser Marzo.

E como lectora...

—Non leo case nada parecido ao que adoito escribir. Leo moitísima fantasía, gústame moito saír da miña realidade... Leo de todo, novela histórica, thriller, romance... cousas que na miña vida crin. Estou nun punto no que non me pecho a nada. Iso ábreche os ollos, estamos cheos de prexuízos.

—Antes citaba a depresión... hoxe fálase máis de saúde mental.

—Vou ser sincera. Teño un problema de saúde mental real, teño un trastorno bipolar. É a primeira vez que o digo abertamente e que non me importa que a xente se vaia enterar. De feito, o meu segundo libro vai sobre a enfermidade mental, porque considero que o estigma que temos as persoas que a sufrimos, a pesar de que se vai superando a pasos pequeniños, segue aí. Cando estiven de baixa non me atrevía a dicir por que, salvo ás persoas máis achegadas. Igual que hai persoas que cando escoitan a palabra esquizofrenia se asustan e pensan que hai que alonxarse, sei que hai persoas que sentirían rechazo se lles digo que son bipolar tipo 2.

—Por que reaccionamos así?

—Estamos moi desinformados. Moita xente pensa que non sabe como tratar a unha persoa bipolar ou esquizofrénica, cando, se está medicada e supervisada, fai a súa vida totalmente normal, coma calquera, e non hai que tratala con medo, pena ou reparos. É unha persoa normal. É unha enfermidade normal, coma se rompes unha perna. Cada un ten os seus problemas. Necesitamos normalidade para convivir, que ninguén nos sinale co dedo nin nos trate diferente, nin para ben nin para mal.