As orixes do Pazo Libunca coa saga de Avelino Cabezas recóllense nun libro que relata a historia de Narón

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Pazo Libunca ou Chalet dos Cabezas, impulsado pola familia Cabezas en Narón
Pazo Libunca ou Chalet dos Cabezas, impulsado pola familia Cabezas en Narón JOSE PARDO

Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón' é unha obra de Antón Seoane

19 ene 2024 . Actualizado a las 10:08 h.

Narón tamén ten unha historia marcada a lume pola emigración. Ata edificios tan emblemáticos como o Pazo Libunca foron creados grazas a indianos como Avelino Cabezas (precisamente ese edificio é coñecido como Chalet de Cabezas). Esta historia abórdase no libro Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón, de Antón Seoane (Editorial Galaxia), que se presenta esta tarde ás 18.30 no hotel.

A publicación recolle a «odisea de cinco irmáns nacidos en Narón entre 1870 e 1878, coa evolución dunha saga dende a gran emigración galega a América do Sur (a finais do século XIX) ata os lindeiros da Segunda Guerra Mundial». 

Indican dende Galaxia, a través do escrito polo autor, que «quen os guiou foi o maior, Avelino, que marchou con 13 anos para arribar e triunfar como empresario innovador, humanista, honesto e solidario na emerxente Buenos Aires». Morreu en 1916 e os seus irmáns seguiron os seus pasos ata 1936. Lograron un poderío económico que pode presenciarse nas dúas casas que legaron: El Paraíso na Córdoba arxentina e o Pazo Libunca en Narón.