Miguel Casteleiro: «Hai nenos con dúas mochilas: a dos libros e a familiar, hai que axudarlles»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

NEDA

CESAR TOIMIL

Por unha casualidade burocrática a súa filla Laura será a súa sucesora no colexio Ponzos dende o martes, cando comeza a súa xubilación

30 ago 2020 . Actualizado a las 17:00 h.

Miguel Casteleiro (Neda, 1959) pecha a súa etapa laboral mañá. O martes xubílase por decisión propia tras 36 anos nos que axudou a moitos rapaces como mestre de pedagoxía terapéutica (PT), primeiro na ensinanza privada (no colexio Lestonnac), despois en centros especiais como o Terra de Ferrol e no Ponzos na súa derradeira etapa, na que tamén exerceu como director dun cole do que se despide a medias, porque pensa volver para poder saudar a pais, compañeiros e alumnos. Mentres seguirá en contacto con todos, porque ata ten chats cos seus antigos pupilos.

-En case catro décadas debeu cambiar moito a ensinanza...

-Sempre traballei na pedagoxía terapéutica, nas ensinanzas especiais e vin moitos rapaces con moitas dificultades... Pero o traballo nese ámbito ten unha cousa bonita e radica na relación que estableces tanto cos alumnos, ata que son maiores ¡xa teño alumnos de 40 anos! E os teño en chats. E cos pais se establece unha relación igualmente especial, porque eu non boto un ano cos nenos, son sempre máis, podo ser o profesor de apoio dese alumno ata seis ou sete cursos.

-¿Chats cos antigos alumnos?

-É interesante e me gusta porque me felicitan, coas súas dificultades, pero seguen mantendo a relación, mandan mensaxes cando estou de aniversario ou de santo...

-¿Mudaron os problemas dos rapaces?

-Cando empecei no ano 1984 había moitas necesidades educativas, porque non se atendía realmente a aqueles nenos que tiñan algún retraso de aprendizaxe e había trastornos como a dislexia que non estaban especialmente estudados... Tíñamos pequenos con parálise cerebral, con xordeira, con síndrome de down... Hoxe se atenden estas problemáticas e moitas máis, como o déficit de atención e a hiperactividade que antes non estaba tan diagnosticada e non se coñecía moito deste problema. O que máis vexo agora é hiperactividade e TEA, trastorno de espectro autista, que sofren moitos nenos e supón un abanico tan amplo de cuestións: dende o que ten necesidades moi profundas ata o que está no límite, e sempre que hai que tratalas... Son síntomas moi variados, eu sempre bromeo e digo que se ampliou tanto o espectro do TEA que fáltame moi pouco para entrar eu.

-E ademais está o entorno de cada neno...

-Eses problemas sempre os houbo, familias marxinais... Sempre hai que ter presente que ó colexio hai rapaces que chegan con dúas mochilas: unha cargada de libros e a familiar. É súper importante que os mestres lles podamos axudar a levar esta última, a equilibrala.

-¿Que foi é máis difícil como profesor de apoio?

-O negacionismo dos pais cando un neno ou nena fisicamente non se lle atisba ningún tipo de trastorno, pero o ten. Non o aceptan, sei que é moi difícil aceptalo para unha familia... Cando camiña ben e non se lle nota nada fisicamente os pais non queren ver o que pode ter, pero chega a escola e en poucos días sae o trastorno. Iso hai que comunicalo e non soen aceptalo, por saúde mental. Tamén é complicado metelos na roda de apoios para que teñan unha mellor evolución.

-Que tomen a decisión de ir a un centro especial...

-Por exemplo, e ás veces é bo porque nun centro específico, inda que so sexan unhas horas, poden facer cousas que non se pode nun ordinario. Eu recordo que collía a furgoneta e levaba os cinco rapaces que tiña na aula a facer a compra, por exemplo, a un súper e moitas actividades máis que son realmente boas e gratificantes para estes nenos.

-Vai traballar ata o último momento ata pintando os lugares de seguridade pola pandemia...

-Claro, e dáme moita pena non despedirme como debe ser dos compañeiros, dos pais, dos alumnos... Inda que xa haberá ocasión. Iso si, eu recordo as familias que o ideal é ir o colexio, que estamos preparando todo para que sexa seguro...

-¿A qué se vai a dedicar?

-A miña hortiña de Neda; a tocar o acordeón, que empecei con clases hai un ano, e seguirei conectado co cole porque a miña filla Laura, por unha casualidade, vaime substituír no meu posto.