Pesar en Ortigueira pola morte de Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido e autor de varios libros
ORTIGUEIRA
![Narciso, sentado no banco da lareira que forma parte do Museo Etnográfico de Meixido, no ano 2012](https://img.lavdg.com/sc/Lt_XlelTY-6LQv2ieI6xsdokYKM=/480x/2020/07/19/00121595157121514785891/Foto/F15N2054.jpg)
Naceu na parroquia de Freires en 1929 e faleceu en Viveiro, onde vivía desde hai varios anos
20 jul 2020 . Actualizado a las 07:44 h.Narciso Luaces Pardo (Ortigueira, 1929-Viveiro, 2020) era un conversador ameno e ocorrente, a quen de rapaz lle gustaba moito escoitar aos vellos. «O humor é parte da vida, hai que tomala con filosofía», comentaba nunha entrevista cando o Concello lle dedicou o Ciclo Ortigueira Literaria Dixital, en 2015. Naceu na aldea de Meixido, na parroquia de Freires —«pasouse moitísima fame, agás de pan, leite e caldo»— e sempre estivo ligado á actividade cultural da comarca. «Levo toda a vida coleccionando», contaba, satisfeito de ter logrado reunir máis de tres mil pezas, a maioría doadas, e fundar, coa súa muller, Herminia Cobelo, que faleceu en 2013, o Museo Etnográfico de Meixido.
O 11 de agosto de 1999 inaugurárono e por alí levan pasado centos de persoas. Narciso guiaba aos visitantes polas salas, ateigadas de apeiros de labranza, ferramentas, unha recreación das antigas escolas ou da lareira. E o seu relato enriquecía o recorrido. Ata que perdeu á súa muller e acabou índose para Viveiro, onde vive o seu fillo (os últimos anos, na residencia Betania). Durante un tempo acudía a Meixido se alguén o chamaba, pero despois decidiu pechalo. O Concello (nin outra administración) non parece disposto a manter o singular e valioso legado de Narciso, nin foi quen de publicar a guía do museo que escribiu hai tempo, «para axudar á xente a comprender» as características, o uso e a orixe de cada unha das pezas. E con elas, da historia de todos.
Para este home de aspecto fráxil, que traballou no campo ata a xubilación —«era todo duro, tal vez o que máis, cavar a roza ou sacar o esterco da corte; pero traballábase en comunidade, e esa vida en común nunca se recuperará»—, a escritura «era unha necesidade». En 2013 publicou Traballo, oficios e crenzas dos nosos antergos. Partía de vivencias persoais. «Pero pensei ‘a quen lle vai interesar a vida dun labrego?', non quería facer unha autobiografía. Conto como era a casa antiga, os traballos diarios, ata 69 oficios distintos....».
Carreiro. Memoria do Tío Santos e Romaxe a Santo André de Teixido son outras obras deste «fillo de mestre de ferrado» que aplicou rigorosamente ata o último día un vello proverbio chino: «O día que deixe de aprender, deixa de vivir». Desde esta tarde será velado no tanatorio de Ortigueira e mañá será enterrado.
Xosé María Torres, presidente da Asociación Cultural Terras do Ortegal, e Obdulia Dopico, escritora, que compartiu con Narciso Luaces a aventura de fundar Edicións Paporroibo, expresaron o seu pesar polo falecemento dun home «moi querido e respectado».