Xente de aquí e de acolá gozou da música e do ambiente familiar do Castelo Folk, en Pontedeume: «É coma unha romaría das de antes»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

JOSE PARDO

Na sexta edición do festival actuaron o grupo xuvenil de Orballo, a banda folk Ailá e Os Carunchos

01 jun 2024 . Actualizado a las 04:14 h.

Hai veciños de Nogueirosa e doutras parroquias de Pontedeume, pero tamén doutros concellos próximos. E por iso lles deu por chamarse Xente de Aquí e de Acolá, o nome do colectivo que organiza o Castelo Folk, un encontro que naceu no 2014, parou varios anos pola pandemia e onte viviu a súa sexta edición, ao pé do castelo de Andrade.

«O mundo é moi estresante e tes veciños aos que case non coñeces. A idea era que soubésemos uns doutros, nós e os nosos nenos, e por iso decidimos facer a asociación, iamos de antroidadas e pensamos que era bo ter un evento propio. Algúns anos, hai moito tempo, a comisión de festas subía cos tractores ata o castelo xusto despois do patrón... e xuntando tradicións, o castelo e a pena Leboreira, sitios tan emblemáticos... foi xurdindo o Castelo Folk», recordaba Ramón Fraga, presidente da asociación que o impulsa.

Pola mañá andaban cos últimos preparativos, ao pé da exposición de traballos de artesanía. O grupo eumés de cantos de taberna Airiños do Eume ofreceu unhas alboradas polo campo antes do xantar. Os preparativos mesturáronse cos xogos tradicionais, que continuaron pola tarde con música e obradoiros artesás cos nenos.

Ás cinco arrincou a foliada aberta e ás sete da tarde, Manuel Mosquera presentou o festival, no que tocaron o grupo xuvenil de Orballo, formado por nenos e nenas de Pontedeume; a banda folk Ailá e Os Carunchos. «É algo moi familiar, coma unha romaría das de antes, con xente maior e non tanto, nenos... todos teñen cabida e trátase de gozar. Fai bo tempo, que é o importante», remarcaba Fraga a mediodía.