Ana B. Breixo Gundín, libreira en San Sadurniño: «Vou seguir loitando contra a violencia e pola igualdade»

ANA F. CUBA SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

JOSE PARDO

Deixou o Concello de San Sadurniño, logo de once anos de concelleira, e xa leva un ao fronte da librería Brétema

29 abr 2022 . Actualizado a las 13:50 h.

Nun momento duro da súa vida, a súa filla máis nova, con só nove anos, díxolle algo que a impresionou: «Somos fortes, somos mulleres, e as mulleres podemos». Ana Belén Breixo Gundín naceu en San Román, en Cedeira, hai 46 anos. «Alí están as miñas raíces e a miña xente, tes que saber de onde vés e acordarte do lugar, a familia e os veciños que che axudaron a formarte como persoa. Quérolles moito», subliña. Xa daquela, sen sabelo, era forte e poderosa, como moitos anos despois lle recordaría a súa filla.

«Con catorce anos empecei a vender produtos de Avon [empresa de cosmética], ía en bicicleta por todas as casas, e así paguei os estudos. En Cedeira son coñecida como ‘Ana, a de Avon'. Non renego. Aquilo axudoume, enriqueceume coma persoa», reivindica. Máis adiante casou, e uns tíos do seu pai déronlle unha casa vella para restaurar en Lamas, en San Sadurniño. «Cheguei no 1998, hai 24 anos», conta.

Nas eleccións municipais de 2007 foi por primeira vez nas listas do BNG. «A nivel político influíume moitísimo o meu curmán Manuel Polo, dous anos maior ca min. Chamábame a atención o que facía, e foi el quen lle falou de min a Secundino [García, alcalde de San Sadurniño], que me chamou sen coñecerme de nada», repasa.

Os nacionalistas ían gobernar en San Sadurniño, co apoio dun concelleiro do PSOE, e nas seguintes citas electorais acadaron maioría absoluta. «Hai quen me di que fun o amuleto de Secundino», ri Ana, que entrou na corporación en 2011, como responsable de Igualdade, área da que se ocupou (xunto con Educación ou Normalización Lingüística) ata hai un mes, cando renunciou ao cargo. «Frustracións hai, claro, quedáronme moitas cousas na cabeza que non dei feito», recoñece. Pero no balance pesan máis os logros: «Fixen o segundo e o terceiro plan de igualdade e deixei en marcha a avaliación do cuarto; poder loitar contra a violencia de xénero, axudándolles ás vítimas [aínda hoxe me veñen contar os seus problemas]; a aldea de verán, un proxecto de conciliación moi positivo; o programa Tempos para compartir, que nos valeu o premio da Anpa do meu colexio, Nicolás do Río, en Cedeira; o recital de poesía e o libro que publicou o Concello cos poemas...».

A súa participación no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cunha viaxe inesquecible a Mozambique —«unha experiencia brutal, para repetir»— tamén a marcou. Agora colabora desde a librería Brétema, doando mochilas para os escolares. «Vou seguir loitando pola igualdade e contra a violencia de xénero», proclama rodeada de libros. Traballou de coidadora no comedor escolar, limpando casas, vendendo seguros, nunha ferretería... mentres soñaba con montar unha librería.

«Sempre me gustou moito. En 2007 comprei unha finca en Cerdido para facer unha casa e poñer unha librería ao pé do colexio da Barqueira». Aquilo frustrouse. «E un día falando con Luisa [a propietaria de Brétema] do tempo que lle faltaba para xubilarse, díxenlle que me gustaría... faleino coas miñas fillas [o meu piar, somos un equipo], estaban de acordo, e aquí me metín. Era un soño».

Nesta nova etapa que arrincou hai un ano séntese «feliz, contenta». «Creo que podo con todo, pero algunhas veces tes que pisar o freo». O 27 de marzo fixo pública a súa decisión de renunciar á actividade municipal. «Tiven un mes de dor de peito, coa tensión baixa polas nubes, ata me quedou durmida unha parte da cara... Fun ao cardiólogo, o que tiña era ansiedade. Paseino mal», confesa. Xa hai días que sorrí, agradecida polas mostras de agarimo e recoñecemento ao seu labor. «Síntome coma se morrera, que é cando falan ben de ti», di entre risos. Segue no consello local do BNG e non renuncia ás súas bandeiras, a do feminismo e a do nacionalismo.

«Fixen o que puiden, cando estás nun posto teste que implicar e vivilo, e formarte, iso é moi importante», defende. Na librería aposta por «por en valor ás persoas escritoras da comarca e ás artesás do concello e do entorno», con presentacións literarias e a venda de artigos creados na zona. Gústalle relacionarse coa xente e di que herdou da súa nai o bo carácter. Agora vive rodeada de libros, con pouco tempo, iso si, para un pracer confesable: «Os momentos de libro, sofá e manta non hai cartos que os paguen».