San Sadurniño, paraíso da froita cunha gran asistencia á súa Feira Rural
SAN SADURNIÑO
Tomates, mazás, artesanía, queixos, mel e cans de palleiro
27 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Nun auténtico paraíso da froita transformouse San Sadurniño na catorce edición da Feira Rural celebrada onte. Entre tomates, mazás, limóns, artesanía, queixos, chourizos e mel avanzaron os visitantes, «nunha cita asentada e con moi boa resposta do público». Así o indicou o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, que dende primeira hora miraba ao ceo para comprobar a evolución do tempo.
«Nos puntos de venda houbo bastante demanda e moitas vendas», sinalou o edil. Nesta Feira Rural de San Sadurniño participaron 80 expositores, e celebrouse o xa tradicional Concurso de Froita Autóctona. Houbo ademais un mercado de segunda man, visitas guiadas pola horta de froitas autóctonas Carlos Fornos, baixadas en kayak polo río e postos de AGFA do Eume, a Casa do Mel de Goente ou o Club Raza Can de Palleiro.
Outro posto era do proxecto A Fusquenlla, o centro de transformación agroalimentaria entre San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño. Está cunha campaña do tomate para facer ketchup ou tomate confitado.O centro xa formou ademais a unhas 50 persoas e busca ser autoxestionado. Nel xa participan produtores tanto de Ferrolterra como de Eume e Ortegal, ademais doutros concellos como Oleiros.