San Sadurniño, o gran reino verde con furor polos tomates «resistentes», xeranios e amorodos

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

A Feira da Plantación confirma que «os cultivos este ano van con atraso», nunha xornada de enorme éxito de público

29 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A auténtica consagración da primavera só chega a Ferrolterra coa Feira da Plantación de San Sadurniño. E entre flores, árbores froiteiras, postos de queixo, churrasco, polbo á feira e música; unha multitude de visitantes achegouse onte a mercar, curiosear ou xantar. Nos 67 postos (artesanía, produtos agroalimentarios, viveiros) confirmouse que «os cultivos chegan con retraso». E sobre todo houbo furor polos tomates como os chamados «resistentes», os amorodos e os xeranios. A maiores, a xornada viviuse cunha gran sensación de festa polo ascenso do Intasa de San Sadurniño á élite do voleibol. 

Luis Sanjurjo, cun viveiro da parroquia de Bardaos ademais de vender queixo fresco e requeixo, recalcou que «a xente pide sobre todo planta de pemento, tomate, cebolo e amorodos». Admitiu que os cultivos «viñeiron máis retrasados porque non se puido plantar antes», debido ás incidencias do tempo.

No caso de José Horjales Ferreira, «o que máis vendemos é flores de tempada e arbustos para enriquecer o xardín, si que este ano todo chega máis atrasado: plantas que no ano pasado xa daban flores a estas alturas pois agora van con outro ritmo... a natureza é así». Alicia Coello, desde o viveiro Gayma de O Vicedo, indicou que «é o cuarto ano que veño e sempre cun montón de xente, os produtos aos que lles damos mellor saída son os tomates resistentes, que resisten á néboa». Recoñece que «a xente pregunta cada vez por cousas máis raras, hoxe preguntáronme por tomates dos que nunca escoitei (parecidos aos cherry pero eran outros)».

E Isabel Fernández Torres de Plantas A Lagoa indicou que este ano triunfaron os xeranios, «e o ano pasado as chamadas alegrías guineanas».